NOTICIAS A LIMIA | A auga volve en cisternas a San Mamede
Desde o venres pasado hai auga de novo en San Mamede (Porqueira), a primeira crise do verán na Limia. Camións cisterna encheron o depósito situado sobre o barrio de Rosendo. Foi xusto antes da procesión do Carme. O veciño que deu a alerta hai dez días, Carlos Dafonte, estivo a fin de semana na aldea, como adoita facer nestes meses. Pilar, a nai, está sentada ao fresco no baixo da vivenda. Hai dúas garrafas brancas, moi grandes, e auga en botellas de plástico chegadas directamente do supermercado. É sábado. Carlos vén de dar un paseo en bici acompañado da súa muller. Aínda leva a roupa de ciclista.
“Grazas a que saíu nos medios conseguiuse que trouxeran a auga. Estivemos sen auga o sábado e o domingo pasado practicamente todo o día sen auga. Entre o luns e o xoves, abrírona de 12 a 14 horas. O venres viñeron as cisternas”, di Carlos. “Avisounos o pedáneo”, apunta Pilar. “O venres a partir do mediodía xa temos auga continuada”.
San Mamede, a aldea que conforman os barrios da Devesa, máis abaixo, e Rosendo, é a última de Porqueira no linde cos Blancos e Calvos de Randín. Na chaira entre os tres concellos nacen as augas que manteñen o depósito, da época da parcelaria e que, no seu día, daba para abastecer “a unhas 120 veciñas e veciños, hoxe non seremos máis da terceira parte, mesmo cos que vimos, poucos, no verán, e a moitos máis animais”, conta Carlos. “Vai faltando a auga. Antes viña a chorro polos camiños”, di a nai e apunta á porta da casa.
Alí mesmo hai unha fonte. Cun pozo con pouca auga e moita maleza. “O problema está na falta de auga e na xestión que se fai. Aquí dise que a auga é de todos. Pois, todos teremos os mesmos dereitos, non? Mais a xestión, por dicilo dalgunha maneira, faina unha persoa. E el decide canto se corta e cando non. E non hai contadores nas casas para levar un control do que gasta cada casa. E por iso hai conflitos entre veciños. Iso pasou hai pouco e chegaron as mans”, lembra Carlos, que se presta para a foto xunto a fonte, vestido de ciclista. E engade: “Por non haber nin hai control sanitario da auga do depósito. Ve esas botellas de plástico? Bebemos esa auga, porque hai anos tivemos unha época de problemas gástricos, pensamos que era da auga e fixeramos unhas analíticas. Sabe o que apareceu? Exceso de nitratos. Que eu saiba, non se fixeron máis analíticas”.
En San Mamede houbo anos con certas restricións, puntuais, di Pilar, e avisaba sempre o pedáneo. “Falta un marco de xestión que inclúa a limpeza, o mantemento, o control das augas... antes a xente si se podía encargar diso, agora xa non. Haberá que ter un control sobre o recurso, e a comunidade de usuarios demostrou que non pode... nin sequera está o depósito controlado no Sistema de Información Nacional de Agua de Consumo (SINAC)”, quéixase Carlos. Agora espera que a solución das cisternas resolva o problema inmediato. Mais non se fía.
As garrafas grandes son para almacenar auga, por se hai novos cortes. A Carlos molestoulle especialmente a lectura que fixo a alcaldesa, Susana Vázquez (PP), do problema. Asegura que na aldea só hai unha piscina, e nin sequera está chea. E que apenas vén xente no verán, así que non se lle pode, di, botar a culpa aos retornados.
O Concello de Porqueira empezou a traballar a semana pasada na escavación dun pozo para dar servizo a aldea de Filgueira. Os traballos poderían rematar esta semana. A alcaldesa recoñece tamén problemas co abastecemento no Toxal (onde houbo restricións). O pozo que se escava en Sabucedo, con financiamento da Deputación, mellorará o servizo a estes núcleos. Susana Vázquez pretende facer o mesmo no caso de San Mamede. Busca a axuda da Deputación. Tamén hai dificultades en Faramiña e Faramontaos, e en Lovios, na parte occidental do concello. A limpeza dos mananciais e as canalizacións é unha medida que xa está levando a cabo.
Os pozos son unha solución puntual, mais o problema a longo prazo é outro: a seca, cada vez máis severa, e a diminución das fontes de auga. En febreiro, máis cedo que nunca antes, o Concello de Porqueira emitiu un bando advertindo da escaseza. Despois, a cuestión da auga foi un dos eixos das alegacións institucionais contra a Liña de Alta Tensión de Greenalia. A piscina atrasou a súa apertura porque o pozo non daba de si.
O 14 de xuño o Concello publicou outro bando: “As escasas reservas do depósito da Forxa poñen en risco directo o abastecemento do consumo básico. Encherase o depósito con cisternas de auga non potábel, non apta para o consumo humano. Rógaselle a todos os veciños que tomen conciencia desta situación de emerxencia”.