Formou 20 alumnos dos concellos de Baltar, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga e Calvos de Randín

NOTICIAS A LIMIA | Iago Borrajo preside en Porqueira a clausura do obradoiro As Veigas V

Intervención de Susana Vázquez, durante a clausura obradoiro de emprego en Porqueira. | FOTOS: Concello de Porqueira.

O xefe territorial de Emprego, Iago Borrajo presidiu esta mañá na Casa do Concello de Porqueira na Forxa o acto de clausura do obradoiro de emprego As Veigas V durante o que se fixo entrega dos diplomas acreditativos ás 20 alumnas e alumnos participantes. O obradoiro, promovido polo Concello de Porqueira e do que tamén se beneficiaron os concellos de Baltar, Os Blancos, Rairiz de Veiga e Calvos de Randín, durou nove meses e dividiuse en talleres de albanelería e xardinería.


No acto de clausura estiveron presentes as alcaldesas de Porqueira, Susana Vázquez, e de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, así como os alcaldes dos Blancos, José Manuel Castro, e Baltar, José Antonio Feijoo. Non acudiu á cerimonia o alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia.


No termo municipal de Porqueira, o obradoiro serviu para rematar o acondicionamento do exterior da residencia de maiores, arranxar fontes en diferentes núcleos, así como parques infantís e lugares de reunión en varias poboacións, e tamén construíu o teito de madeira no centro social de Sabucedo. 

En Porqueira, o obradoiro encargouse de rematar o acondicionamento do exterior da residencia de maiores e construír o teito de madeira no centro social de Sabucedo. 

Foto das autoridades co profesorado e alumnas e alumnos, este mércores na Forxa.

As representantes institucionais e as alumnas e alumnos posaron para unha fotografía no exterior da Casa do Concello ao remate dun acto no que tanto a alcaldesa de Porqueira como o xefe territorial de Emprego desexaron sorte ao alumnado na procura de traballo aproveitando a formación recibida.