As obras contaron cun presuposto base de 46.484,38 euros

NOTICIAS A LIMIA | Porqueira arranxa os parques infantís de Sabucedo, A Filgueira e O Toxal

Parque infantil de Sabucedo. | FOTO: Concello de Porqueira.

O Concello de Porqueira rematou esta semana as obras de mellora de tres parques infantís do municipio, concretamente os de Sabucedo, A Filgueira e O Toxal. Actuacións que se aplicaron nun prazo de tres meses contando cun presuposto base de licitación de 46.484,38 euros.

Polo xeral, os tres parques atópabanse nun estado algo descoidado. Había herba que necesitaba ser cortada, e valados de madeira e estructuras de xogos infantís moi desgastadas e danadas polo paso do tempo.

As obras leváronse a cabo por fases. Nunha primeira intervención procedeuse á desmontaxe de todo o valado de madeira. Posteriomente retiráronse todos os aparatos de xogos infantís, reservando os que estaban en bo estado para o seu aproveitamento. Unha vez despexada a zona, actuóuse sobre o solo aplicando unha capa de cemento 10 cm de espesor; sobre ela incorporáronse unha serie de lousas de material acolchado -de 44 mm de grosor- especificamente deseñado para evitar danos por mor das caídas.

Parque infantil do Toxal. | FOTO: Concello de Porqueira.

Unha vez rematados os traballos no chan, instaláronse de novo todos os elementos de xogo infantís. Como paso final, colocouse un novo valado de madeira pintado de cores para delimitar o espazo; as pezas foron case todas novas, exceptuando as do parque de Filgueira -que só necesitaron dunha simple reparación ao atoparse nun estado bastante bo de conservación- .