Rairiz de Veiga acollerá unha sesión informativa sobre Seguridade Social e emprego
O Concello de Rairiz de Veiga vén de anunciar a organización dunha sesión informativa dirixida aos seus veciños e veciñas, na que se abordarán temas clave relacionados coa Seguridade Social e o emprego. Esta iniciativa enmárcase no programa estatal "A Administración preto de ti", que busca achegar os servizos públicos á cidadanía do ámbito rural.
A actividade contará coa presenza de funcionarios do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), que se desprazarán ata o municipio para ofrecer unha xornada práctica e explicativa.
Durante a sesión trataranse cuestións como:
-
Prestacións e subsidios por desemprego.
-
Requisitos e trámites para a xubilación.
-
Certificados dixitais, chaves e ferramentas electrónicas.
-
Informes de vida laboral e cotizacións.
-
Xestións a través da sede electrónica, entre outros temas.
A data da actividade está aínda por determinar, xa que dependerá do interese veciñal, mais está previsto que se celebre en horario de mañá, no Salón de Plenos do Concello de Rairiz de Veiga.
Para que a sesión poida levarse a cabo, será necesario un mínimo de 10 persoas inscritas. As persoas interesadas deben anotarse antes do 30 de abril, ben por teléfono no 988 465 552, ou por correo electrónico en concello.rairizdeveiga@eidolocal.es.
Desde o concello destacan que esta é unha oportunidade única para resolver dúbidas e aprender a realizar xestións administrativas de forma sinxela e práctica.