Gañou as eleccións municipais en Rairiz, esta vez co PSOE

ENTREVISTA | Asunción Morgade: "Os veciños demostraron con votos que a etapa de Xaquín Rodríguez rematou"

Asunción Morgade continuará sendo alcaldesa de Rairiz, esta vez liderando ao PSOE. | FOTO: Noelia Caseiro.

Asunción Morgade (Rairiz de Veiga, 1986) continuará catro anos máis á fronte do Concello de Rairiz de Veiga. A alcaldesa electa conseguiu unha nova maioría absoluta nas eleccións municipais do pasado 28 de maio, esa vez liderando ao PSOE da localidade. Morgade logrou cinco concelleiros que lle permitirán gobernar ata o 2027, mentres que os seus excompañeiros do PP perderon a maioría que ostentaban con ela e quedaron con dous edís, os mesmos que conseguiu o BNG.

 

A veciñanza volveulle dar a súa confianza pese ao cambio de siglas e cores. Como se sinte?

Estou moi contenta e agradecida cos meus veciños. O domingo tiveron a oportunidade de votar a quen querían que os gobernase nos vindeiros catro anos e elixiron por maioría absoluta que fose eu. Por iso me sinto inménsamente contenta e con ganas de seguir traballando por Rairiz.

A campaña estivo marcada pola presenza do exalcalde Xaquín Rodríguez que, aínda estando inhabilitado, formou parte do equipo do PP. Cre que esta maioría absoluta do PSOE é a fin da súa etapa?

Non sei o que fará a partir de agora, pero os veciños demostraron o domingo que si rematou. Xa non debería seguir por aí, molestando aos veciños nas súas casas nin facendo campaña co PP, xa que nesta ocasión foi o seu coordinador, como así o manifestaron.

É certo que Xaquín Rodríguez seguía indo ao Concello e alí daba instrucións, pese a non poder facelo?

Eu si estiven algúns anos con el na sombra, pero nestes tres últimos anos como alcaldesa do PP xa non tiñamos ningún tipo de relación, rematara. O certo é que visitaba o Concello, especialmente en vésperas de campañas electorais, pero eu con Xaquín xa rompín relación nestes últimos anos. Pódese dicir que si era unha persoa que frecuentaba o Concello. O máis correcto é que estivese na súa casa e non na vida pública, pero non o decidiu así. De feito, o pasado domingo aínda o vimos de interventor nunha das mesas electorais.

Cre que o PP decidiu substituíla por Camilo Fernández despois de ter que negarlle a licenza para a ampliación da súa granxa?

Poder ser, pero eu aínda non sei a razón de que tomasen a decisión de prescindir de min. Eu non neguei esa licenza, só fixen o que faría calquera alcalde porque había unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Camilo, o candidato do PP, tivo un veciño que o denunciou e, segundo os xuíces, ese impacto medioambiental que aprobara a Xunta, non era correcto. O Goberno autonómico presentou un recurso no Supremo, que non foi admitido a trámite, e a miña función era executar esa sentenza.

Nin Baltar nin ningunha persoa do partido me chamou para darme unha explicación para prescindir de min

Que pensa da actitude do presidente provincial do Partido Popular, Manuel Baltar, que non impediu que a deixasen fóra para as eleccións municipais?

A día de hoxe non sei o motivo polo que prescindiron de min. Nin Baltar nin ninguén me chamou para darme unha explicación. Eu conseguín maioría absoluta no 2019 con eles e sempre tiven unha relación normal co partido e tamén coa Deputación, ata que agora decidiron poñer a outro candidato. O motivo podo imaxinalo, pero non se me comunicou por parte de ningunha persoa da dirección do partido. Nombraron a outro candidato e xa está. Eu estaba cumprindo correctamente co meu labor, non tiven ningunha discrepancia con eles e tamén formaba parte da executiva provincial do PP, por iso non entendo que non me den algunha razón. Entendo que habería presión por parte doutras persoas e de aí se decidiu, pero hai cousas que non sei.

Vendo os resultados que obtivo o PP, cre que cometeron un erro?

Iso terán que valoralo eles. Non vou entrar en moitas valoracións, pero á vista está que si. Os veciños falaron e foron os que decidiron, escolléndome a min para seguir como alcaldesa.

Pensa que pode pasarlle factura con outras institucións gobernadas polo PP, como a Xunta, das que depende para obter axudas?

Quero pensar que non, porque están para traballar por todos. Seguirei visitando ás consellerías que fagan falta e tamén pelexaremos polo reparto igual para todos os veciños. Eu continuarei traballando pola xente de Rairiz para mellorar os servizos e a súa vida.