Celebrarase os días 22, 23 e 24 en Rairiz de Veiga

NOTICIAS A LIMIA | Mouros e cristiáns volveranse enfrontar na Romaría da Saínza

Julio Domínguez, Asunción Morgade, Breogán Prieto e Ana Míguez, na presentación da Romaría da Saínza. | FOTO: Noelia Caseiro.

Este venres presentouse en Rairiz de Veiga a programación da Romaría da Saínza, que terá lugar os días 22, 23 e 24 de setembro. A alcaldesa da localidade, Asunción Morgade, destacou este festexo, no que haberá un enfrontamento entre mouros e cristiáns, como unha das máis senlleiras celebracións da Limia e, “se mo permitides, da provincia de Ourense e de toda a comunidade coa que se despiden as grandes festas do verán”.

A alcaldesa estivo acompañada no acto por Ana Míguez e Julio Domínguez, “dous dos meus máis fieis colaboradores na organización desta romaría e sen os que non teriamos o éxito de público que ano tras ano se acada”, indicou Morgade. Tamén estaban o capitán do bando cristián, Breogán Prieto, e o mouro -e organizador do combate- José Antonio Bretaña.

A rexedora de Rairiz de Veiga destacou que “como xa vén sendo habitual, A Saínza programa un calendario de festexos para todos os públicos e sensibilidades. Teremos actividades para a cativada o venres, pero tamén oficios relixiosos para os devotos da Virxe, que os hai e son moitos chegados doutros territorios e, como non, a recreación histórica do combate, o grande reclamo para todos”.

A recreación do combate entre mouros e cristiáns terá lugar o domingo 24, ás 13:15 horas

Ademais, engadiu que a programación completarase con música, destacando a presenza de "orquestras de grandísimo nivel nacional". Morgade convidou a todos a asistir á Romaría da Saínza e lembrou que "non hai mellor xeito de vivila que desfrutar do entorno natural que nos ofrece a Carballa da Rocha e do espíritu de convivencia que sempre a marcou", rematou.

PROGRAMACIÓN

 

A romaría comezará o venres ás 13:00 horas co anuncio da festa con descarga de bombas de palenque, pola tarde, haberá xogos populares. Na noite, será o turno do grupo Yukatán, que ofrecerá unha actuación ás 23:30 horas e ás 1:30 horas. A primeira xornada rematará coa discoteca móvil Show.

O sábado, ás 19:30 horas, terá lugar a procesión da Nosa Señora da Mercé dende a capela da Saínza ata a igrexa de San Xoán de Rairiz de Veiga. Antes do asalto ao Castelo, a orquestra Galilea ofrecerá un primeiro pase ás 22:00 horas para seguir ás 00:30 horas.

Un dos grandes reclamos desta romaría é a batalla entre os mouros e os cristiáns. O primeiro paso para este combate darase o sábado pola noite. Ás 23:45 horas será o desfile do exército Cristián dende a capela da Saínza ata o campo de batalla. A medianoite, os mouros protagonizarán o asalto ao Castelo. A noite rematará coa discoteca móvil Gramola ás 2:30 horas.

A última xornada comezará de mañá cunha alborada a cargo da charanga Los Támega. Logo, ás 12:15 horas, haberá procesión dende a igrexa de Rairiz de Veiga ata o Castelo da Saínza, acompañada pola charanga. Ao remate, comezará a misa no campo de batalla para dar paso ao combate entre mouros e cristiáns ás 13:15 horas.

 

A música continuará ás 14:00 horas cunha sesión vermú de Los Támega e, pola tarde, tocará a actuación dun dos pratos fortes desta romaría. A orquestra Combo Dominicano actuará ás 18:30 e ás 20:15 horas. Antes do último pase, renderase homenaxe a persoas destacadas na Romaría da Saínza.

Ademais desta programación, o día 21 celebrarase unha cea popular. Os interesados en asistir deberán anotarse no Concello, onde pagarán os 25 euros que custa. Por outra banda, a novena comezará este venres e haberá misas todos os días na capela da Saínza ás 19:30 horas. Ademais, o día 24 tamén se celebrarán os actos litúrxicos ás 10:00, ás 11:00 e ás 18:00 horas.