NOTICIAS A LIMIA | A Saínza prepárase para recibir multitudes despois de dous anos sen romaría
Asunción Morgade prepárase para vivir a súa quinta Romaría da Saínza como alcaldesa. “Para min, agora, a festa significa traballo, organización e orgullo”, di nunha conversa co Diario da Limia na Casa do Concello. “A Saínza empezou no ano 1846”, conta, “e só non se fixo os anos da Guerra Civil e os dous da pandemia”. A Saínza, festa de toda a Limia, volve despois de dous anos conservando a tradición de século e medio (a batalla, o viño...) e incorporando outras novas (nesta edición: foliada).
En Xinzo, Rosa Fernández, costureira, mostra no taller da súa tenda na rúa Rosalía os traxes que elaborou para este ano. Son traxes de mouros e de cristiáns, azuis e brancos uns, brancos e vermellos os outros. Son traxes para o Concello de Rairiz de Veiga, que ano a ano vai aumentando o fondo de armario. Algunhas veciñas e veciños fan os seus propios vestidos. Estes custan 160 euros e a Rosa lévalle uns días rematalos. Hai corenta anos que traballa para a festa, e cando pase xa se porá co Entroido.
“A festa comezou naquel ano de 1846, segundo está documentado pola Igrexa, porque parece que un crego de Rairiz, que foi destinado a África, cando volveu quixo recrear aquí un combate entre mouros e cristiáns”, explica a alcaldesa. O 24 de setembro na Saínza hónrase á Virxe das Mercedes.
Este ano o 24 cae a sábado. Así que a procesión será o 25 á unha da tarde e despois chegará o momento da batalla. Hai dezasete anos (quince edicións) os organizadores incorporaron o Asalto ao castelo, no que os mouros toman o castelo a véspera da tradicional batalla.
Esta ano haberá máis novidades. Unha foliada, que ofrecerá música e baile do país durante os tres días da fin de semana, pero que terá o seu punto álxido o sábado a partir das seis da tarde cando se faga “foliada aberta”. Houbo certa confusión cos carteis desta edición. Primeiro apareceu o da foliada, e despois o da Romaría, que incorporaba o programa da foliada. “Foi algo buscado, quixemos ter dous carteis diferentes e chamar á xente a participar da foliada, e por iso empezamos a mover antes o cartel da foliada”, indica Asunción Morgade.
A foliada foi unha idea do Concello de Rairiz, que conta coa colaboración do grupo limiao Lirolaio, e traerá ao campo da festa a Daniela Sampayo (o venres 23, ás 17:30 horas) para impartir un obradoiro de música para cativas e cativos.
O gran reclamo da Saínza son as orquestras. Este ano actuarán La Oca Band (o sábado) e Marbella (o domingo), ademais dos Festicultores Troupe, na madrugada do domingo. “Ultimamente xúntase tanta xente o sábado pola noite como o domingo pola mañá. Temos calculado verbenas cunhas 20.000 persoas, e iso é o que se viña xuntando o domingo para a batalla e o xantar nas carballeiras”, lembra a alcaldesa. A Saínza sempre foi unha festa moi concorrida. Unha crónica de hai case un século (recollida por Vía Lethes) dá conta de “vinte cinco mil persoas e cinco ou seis mil bestas” en 1929.
O Concello de Rairiz de Veiga coordinará un dispositivo dunhas 50 persoas no que colaboran Protección Civil, Tráfico e Garda Civil durante a noite do sábado e a mañá do domingo. O orzamento volverá estar por riba dos 30.000 euros, “cunha axuda da Deputación, outra máis pequena da Xunta, e achegas de empresas e veciñas e veciños da parroquia de Rairiz”. En Rairiz, na parroquia, viven uns 50 veciños.
“Temos topado xente que vén ese día, o domingo, doutras provincias. E cada vez hai máis xente moza o sábado. Hai que reforzar os servizos de auga e de lixo, poranse colectores e novos puntos de luz. Despois, levará máis dunha semana recuperar a normalidade”, di a alcaldesa, que mostra orgullosa o cartel dunha romaría única, que celebrará os 176 anos de historia, malia guerras e pandemia, e que segue tan vizosa como hai un século.