O accidente produciuse ao mediodía nun cruzamento da estrada entre Corga e Sandiás
NOTICIAS A LIMIA | Un ferido nun choque entre unha furgoneta e un camión en Sandiás
20 de julio de 2022 (17:10 h.)
Un camión e unha furgoneta chocaron nunha intersección da pista que une Corga con Sandiás, a altura de Santa Ana, xunto a Torre, este mércores pouco despois das 12:00 horas do mediodía.
A alerta recibiuna o 112 ás doce e cuarto da mañá e solicitaba asistencia médica para un dos ocupantes dos vehículos accidentados.
Os servizos de Emerxencia deron aviso ao 061, a Protección Civil, á Garda Civil e aos Bombeiros de Xinzo de Limia. Como consecuencia do impacto, a furgoneta presentaba danos en toda a parte frontal.
Ao parecer, a colisión produciuse nun cruzamento, mais as fontes non puideron precisar as circunstancias do accidente nin se o ferido necesitou ser trasladado a un centro hospitalario.