O Concello colocou un panel interpretativo escrito en tres idiomas e cun código QR para visitar a web de turismo

NOTICIAS A LIMIA | Sandiás abre unha porta virtual permanente á Igrexa de Santo Estevo

Panel informativo na Igrexa de Santo Estevo. | FOTO: Concello de Sandiás

O Concello de Sandiás vén de instalar un panel interpretativo para "visibilizar e poñer en valor o patrimonio cultural e inmaterial asociado" á Igrexa de Santo Estevo e a súa contorna. Trátase dun panel rectangular sobre unha estrutura metálica con ancoraxes situada sobre o muro de perpiaño que dá acceso ao atrio da igrexa, facendo coincidir as perforacións coas xuntas da pedra. 

Nun comunicado de prensa, o Concello de Sandiás informa que "os  traballos leváronse a cabo a partir da aprobación contida  na resolución da dirección xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que segue as indicacións do Manual de  Sinalización Turística". O panel, unha porta virtual ao monumento, instalouse coincidindo coa celebración do V Aniversario da Igrexa de Santo Estevo, pertencente á parroquia de Vilar de Sandiás.

"Desde este momento, a Igrexa de Santo Estevo terá de forma permanente as súas portas dixitais abertas aos veciños, peregrinos e turistas que pasen a visitala a calquera hora", di a nota de prensa.

E engade: "O texto do panel foi documentado e redactado por unha historiadora do Arte. Trátase dun panel interpretativo escrito en tres idiomas onde se reforza, de maneira especial, o comentario do singular retablo e hornacinas do escultor Francisco de Moure". Tamén contén un código QR que enlaza coa páxina web turismo.sandias.es.

O Concello de Sandiás informa doutra iniciativa máis de sinalización de recursos turísticos, de patrimonio relixioso e de roteiros  naturais, entre eles, a Ruta de Avistamento de Aves nas Areeiras de Sandiás

Durante o ano do V Centenario da Igrexa tamén se  levaron a cabo outros actos como vinte visitas guiadas por profesionais de Xeitura Patrimonio, charlas-conferencias como a do antropólogo e etnógrafo Manuel Mandianes, un renovado estudo sobre o retablo de Francisco de Moure, publicado no número 15 da Revista Lethes por Belén Gómez Manso, e un folleto didáctico divulgativo sobre a Porta da fachada de entrada á igrexa de estilo manuelino.