jueves. 21.11.2024

“O programa Hypatia é un exemplo de cooperación local e xestión compartida en políticas de igualdade, deseñado nun momento de dificultades e desafíos sociais e económicos para a comarca da Limia”, di o Concello de Xinzo nun comunicado de prensa emitido este luns. 


“Co programa preténdese establecer unha diagnose sobre a situación social, laboral e económica con perspectiva de xénero e aplicando indicadores de participación política, cultural, deportiva, asociativa ou de saúde. Mediante actividades formativas e obradoiros realizaranse intervencións sobre aspectos cognitivos emancipadores, centrados na autoestima, nos coidados do corpo e mente, na nutrición ou no exercicio físico, que contribúan a que as participantes definan o seu proxecto persoal”, informa o comunicado. 


O programa leva a o nome “da primeira científica da historia” e está dirixido a mulleres de diversos perfís e de todas as idades. Os concellos de Sandiás, Vilar de Barrio e Xinzo de Limia coordináronse para obter o financiamento a través da Consellería de Emprego e Igualdade.


As actividades e accións do programa, engade a nota de prensa municipal, compleméntanse “con asesoramento especializado especialmente laboral, coa elaboración de itinerarios de inserción laboral e con visitas e empresas e a boas experiencias de emprendemento e autoemprego”.


Tamén se realizará formación específica con perspectiva de xénero en determinadas áreas e que se vertebrará a través de obradoiros e debate en cinema forum. “As mulleres serán as protagonistas absolutas dos obradoiros, que tamén serán impartidos por outras mulleres, profesionais nas áreas do dereito, a psicoloxía, a educación física e deportiva, na saúde e na cultura e a arte, todas con perspectiva de xénero”, subliña o Concello de Xinzo. 

NOTICIAS A LIMIA | Sandiás, Vilar de Barrio e Xinzo de Limia poñen en marcha o programa...