NOTICIAS A LIMIA | O CDR O Viso reivindica o traballo do seu servizo "xantar na casa"
O CDR O Viso pon en valor a traballo que fan as persoas da súa cociña, que son os que fan posible o servizo "xantar a domicilio" ou "xantar na casa". A finais dos 90 comezaron cun comedor comunitario na reitoral de Lodoselo, en Sarreaus, que foi medrando para ofrecer unha alimentación de calidade, equilibrada e adaptada ás persoas participantes. Ademais, este servizo de proximidade favorece o retraso da institucionalización das persoas.
Dende a entidade queren "visibilizar e agradecer ás compañeiras da cociña o labor diario que fan, así como a aqueles encargados de preparar as bandexas, facer a diario o reparto, atender e coidar a cada unha das persoas que non só reciben os alimentos adecuados, tamén a visita e un tempiño de calidez, de calidade humana".
Recentemente, unha das participantes do programa BioCoidados e beneficiaria deste servizo, desprazouse ata a cociña para coñecer ás profesionais que fan a comida que lle chega á casa e así agradecerlle o labor que fan todos os días do ano. Neste servizo tamén interveñen outros profesionais dende as oficinas e tamén os de mantemento que reparan avarías na infraestrutura, aos que agradecen a súa colaboración, así como a aquelas persoas que axudan doutro xeito como son a doazón de alimentos ou achegando información para mellorar.
Estas actuacións enmárcanse no proxecto Biocoidados: novos modelos de coidado prestados pola comunidade, centrados na persoa, nas contornas rurais; está vinculado ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Secretaría de Estado do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, e financiado pola Unión Europea- Next GenerationEU.