O seguro do Bispado cubrirá todos os danos no cemiterio da Igrexa de Sarreaus

NOTICIAS A LIMIA | O cura de Sarreaus decidiu celebrar a misa fóra do templo ante o perigo que supuña o muro

Igrexa de Sarreaus, precintada este luns.

Hai un ano, aproximadamente (nisto coinciden o Bispado e o alcalde), que a instancias do párroco de Sarreaus a Igrexa iniciou o expediente para acometer a reparación do muro oriental do templo de San Salvador, situado nunha suave cuíña próximo ao río Sas.

O domingo, diante de signos evidentes de que o muro estaba a piques de ceder, o párroco decidiu celebrar a misa fóra, entre a entrada do adro e a parte oposta á parede danada, que presentaba gretas e pola que saía "fume", segundo advertiu un veciño ao sacristán cando este chegou para abrir as portas.

"Non era fume, era po e area que saía polas gretas". Entón o sacristán, que non é "sacristán, sacristán", aclara, e chámase Xerardo, decidiu non abrir as portas e xuntar á xente que ía chegando na entrada principal. 

"Eramos moita xente. Dese conta que agora, co bo tempo, empezan a vir de fin de semana os que están fóra", conta Brígida este luns, unha das veciñas que onte foi esa misa do mediodía.

Entón chegou o cura. "Chegou o cura e falamos un pouco e decidimos que a misa se faría fóra", conta Xerardo. Despois entrou polos elementos imprescindíbeis para celebrar a eucaristía. E comezou a misa.

"Levariamos dez minutos e sentiuse un ruído forte que viña da parte de atrás. Estaba contra a porta principal e enseguida se levantou unha poeira que nos tapou a todos", lembra Brígida. "Claro que nos asustamos. Vimos o que pasara. Pero o cura decidiu seguir a misa até rematar. Despois algúns achegáronse á zona onde caeran as pedras, e moitos choraron vendo así esas sepulturas. Eu non fun. Teño alí soterrada unha parente. Pero preferín non ver como quedara".

Xerardo, veciño de Sarreaus, esta mañá traballando unha finca.

O Bispado responde

O seguro de responsabilidade civil que ten subscrita a Diocese de Ourense asumirá os custes da reparación de todas as sepulturas danadas pola caída de parte do muro exterior da Igrexa de San Salvador en Sandiás, segundo confirmaron este luns fontes eclesiásticas.

A Igrexa e o adro que a rodea no que está situado o cemiterio permanecían precintados esta mañá, aínda que algunhas persoas accederon ao interior a través dun oco entre dous panteóns. O recinto está precintado e tamén a zona afectada pola caída dos perpiaños, na que hai varias sepulturas abertas ao rachar as lápidas co impacto das pedras.

O Bispado de Ourense confirmou que o precinto foi ordenado polo aparellador que está a valorar os danos, e que xa estaba elaborando unha memoria para solicitar de Patrimonio os permisos correspondentes para acometer unha intervención.

Agora, os trámites aceleráronse, e esta mesma mañá o propio aparellador solicitou unha entrevista coa responsábel da Xunta en Ourense encargada dos expedientes da Igrexa.

Brígida, veciña de Sarreaus, este luns.

"Non dispoñemos aínda dunha valoración dos danos nin de canto vai custar a reparación do muro e das sepulturas", explicou ao Diario do Limia, Raúl Alfonso, responsábel de economía do Bispado de Ourense.

Tampouco hai prazos nin se coñece aínda que tipo de intervención será precisa. Hai un ano, explican desde o Bispado, que se iniciou o expediente para reparar o muro. "O alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas, tiña coñecemento e puxo un técnico municipal á nosa disposición", lembra Alfonso. "Pensabamos que chegabamos a tempo, pero sorprendeunos a todos".

As causas

Todo é prudencia a respecto das causas do derrubamento. Xerardo explica que o edificio ten un dobre muro, e que entre a parede interior e a exterior hai area e pedras. Ese material foi afundíndose co tempo e tería presionando cara fóra até provocar as gretas no muro exterior.

Gumersindo Lamas, alcalde de Sarreaus, hoxe no seu despacho da Casa do Concello.

 

"Penso que a parede interior resistiu porque nela se fixeron obras hai trinta ou corenta anos. Mais a de fóra xa se vía que en calquera momento ía vir abaixo", comenta Xerardo. E sucedeu onte, domingo, á hora da misa. Sen que a misa se deixase de celebrar. 

O cura párroco aínda non regresara esta mañá a Sarreaus. O alcalde, que atendía a visitas na Casa do Concello, reiterou que porá os medios públicos que lle pidan a disposición do Bispado. Desde o Bispado desculpáronse porque aínda non conseguiran poñerse en contacto co párroco. O cura vive en Xunqueira de Ambía. Ten nove parroquias ao seu cargo. "Estará preocupado", di Xerardo.

Desde o Bispado din que tratarán de acelerar os trámites, que na Igrexa de San Salvador estaban previstas máis actuacións, e agora é urxente. Raúl Alfonso asegura que virá nos próximos días a Sarreaus para intentar saber o que pasou e facer un cálculo dos danos.