Dan por controlados dous dos lumes en Oímbra, mentres seguen activos os de Valdeorras e o Invernadeiro

ALARMA POLOS INCENDIOS | Medio Rural mantén a estimación de 18.900 hectáreas perdidas nos catro GIF en Ourense

Incendio en Rabal (Oímbra), o pasado domingo, día 18. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

A Consellería do Medio Rural informa con datos recollidos até as 08:30 horas deste sábado 23 de xullo de que continúan activos os grandes incendios forestais (GIF) de Riodolas, en Carballeda de Valdeorras; e Pradoalbar, en Vilariño de Conso, que afectan respectivamente aos parques naturais da Serra da Enciña da Lastra e do Invernadeiro (aínda que non se detalla a superficie perdida nestes espazos).


Medio Rural da por estabilizado o lume de Rabal, en Oímbra, e por controlados desde onte pola noite, os de Videferre e San Cibrao, no mesmo concello ourensán. De acordo coa información de Medio Rural, o número de hectáreas arrasadas polas lapas nos catro grandes lumes forestais destes días na provincia de Ourense (Riodolas, Pradoalbar, Rabal e Videferre) apenas variou: son 18.900 hectáreas.


A consellería avanza ademais que se desactivaron as situacións de alerta 2 en todos os incendios en curso no país. Mais seguen activos os lumes de Vilamor-Saa e Seceda, no Folgoso do Courel (Lugo). Nestes casos o número de hectáreas afectadas tamén se mantén desde hai días, 11.100 entre ambos. 


Cos datos desta mañá, ademais dos GIF (máis de 500 hectáreas) hai un lume estabilizados: Nocedo (Quiroga) e cinco controlados, un deles, o de San Cibrao en Oímbra que queimou 400 hectáreas.