ENTREVISTA | “O mellor alimento é o produto de proximidade”
Pablo García Vivanco (Ferrol, 1971), nutricionista, óptico e farmacéutico. Leva 12 anos establecido en Xinzo e esta tarde ofrecerá unha conferencia no Centro de Día Solleira en Verín (20:00 horas) sobre hábitos alimentarios en tempos de pandemia.
Seguimos en pandemia? Como condiciona a pandemia os nosos hábitos alimentarios?
Seguimos, si. En canto ao que trouxo a pandemia, desde as sociedades nutricionistas e outros colectivos chamamos a atención sobre o sedentarismo. Aumentou un pouco, e isto fixo que determinadas patoloxías aumentasen tamén; en especial a diabetes tipo 2 ou as enfermidades cardiovasculares.
Contra o sedentarismo, mellor alimentación?
E camiñar, claro! Ou facer algún tipo de exercicio. No conxunto de España estimouse unha media saudábel nos 8.000 pasos ao día. Hai países nos que se camiña, de media, moito máis. Pero ese sería o mínimo aquí. Hai que manter o corpo activo para controlar o azucre, o colesterol, etcétera.
Por que estamos tan faltos de vitamina D?
O 90% da vitamina D vén a través do sol. Se non saes á rúa, e se por riba saes con máscara, pois recibes menos. E nas persoas maiores, o órgano receptor, a pel, tamén é menos eficaz para sintetizar a vitamina. O que hai que evitar é estar en déficit. E no caso da covid demostrouse que as persoas que non tiñan déficit desta vitamina teñen menos risco en caso de complicacións na enfermidade.
E, desde a alimentación, como se compensa un posíbel déficit de vitamina D?
Pois é moi importante unha dieta con pescado azul, a xema do ovo ou mesmo as setas. Isto está na dieta galega. Moito máis, loxicamente, na dieta das zonas costeiras.
Canto peixe ou pescado habería que comer?
Na costa, soen ser tres ou catro veces por semana. En Ourense, dúas veces. O ideal na miña opinión sería polo menos tres veces por semana. E, a poder ser, pescado azul. E non só pola vitamina D. Tamén achega omega 3, importante contra as doenzas cardiovasculares, porque diminúe os triglicéridos, incrementa o HDL... Mellora o perfil lipídico [concentración de graxas no sangue].
Como é a dieta do rural do interior galego?
A dieta é equilibrada. Temos boa verdura, como o repolo, os grelos, a nabiza. Temos a pataca. Temos froitos secos como as noces ou a castaña. Temos variedade de carnes, como a de tenreira, a branca de polo, mesmo a de boi. E, entre as froitas, para min a máis interesante é a mazá. Ten moitas funcións. Despois están os aceites. Estanse empezando a producir de moita calidade e pronto haberá moitas máis variedades. Todo isto contribúe a que sexamos unha poboación lonxeva.
Como inflúen os hábitos culinarios na lonxevidade?
Somos menos sedentarios e hai máis consumo de produtos frescos. Se a media en España é que un 10% da poboación teña unha horta, aquí a media está no 15%. E en zonas como A Limia, seguramente máis. Iso axuda a sermos menos sedentarios e, sobre todo, a consumir produtos frescos.
En Galicia temos unhas técnicas culinarias bastante saudábeis. Por exemplo, cócense moitos alimentos; polo tanto, consumimos menos frituras.
E a forma de cociñar, inflúe?
Faino. En Galicia temos unhas técnicas culinarias bastante saudábeis. Por exemplo, cócense moitos alimentos; polo tanto, consumimos menos frituras. A forma de relacionarnos co entorno, que inclúe os alimentos, condiciona en parte a evolución de determinados xenes, que están aí, pero poden inhibirse ou expresarse. E a alimentación é un deses elementos que axudan a que se expresen.
Cal é o mellor alimento?
O mellor alimento é o produto de proximidade. O produto fresco. E se aquí hai máis xente cultivando, pois teremos máis produto fresco circulando. Porque non consumen só os que producen, tamén se estende a familiares, veciños, coñecidos... Aquí, á farmacia, chegan clientes que che traen o seu produto fresco. Non vén do Levante nin trae aditivos. É de aquí, está fresco e esa é a súa maior virtude.
Todo isto que comenta, está xa na sanidade pública?
Estamos empezando a integralo. Nos hospitais privados xa teñen equipos multidisciplinares que inclúen nutricionistas, porque, coidado, a alimentación ou os hábitos alimentarios teñen que ser vistos desde moitos enfoques. Os nutricionistas estamos tamén en hospitais públicos, mais aínda non na Atención Primaria. Pero afortunadamente os médicos están acudindo cada vez máis a expertos para o deseño de dietas.
Para rematar, cal sería o seu consello alimentario para as xentes da Limia e de Verín, onde falará esta tarde?
Serán tres: Dieta equilibrada, actividade física e consumo de alimentos na súa xusta medida.
Comemos bos alimentos, pero abusamos...?
A dieta atlántica é excelente. Mais temos que ter coidado co tamaño das racións. Si, ás veces, comemos demais. Iso está na nosa idiosincrasia.