Rubén Campos, presidente do Comité Asesor de Funergal e presidente da Asociación de Funerarias de Ourense

ENTREVISTA | “En Ourense andamos polo 25% de incineracións, cun incremento constante nos últimos anos”

Rubén Campos, onte durante a inauguración, atendo ás autoridades políticas. | FOTOS: Comunicación EXPOPURENSE

Rubén Campos Fidalgo (Baltar, 1986) é copropietario de Funerarias Campo, presidente do Comité Asesor da Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios (Funergal) e presidente da Asociación de Funerarias de Ourense. A Feira inaugurouse onte en Expourense con 65 expositores e estará aberta hoxe até as 18:00 horas.


Cal é o seu papel na Feira?
Pois durante o evento son un pouco o anfitrión. Este ano recuperamos a Feira presencial, que non se facía desde o 2018. Naquela edición eu participei como expositor, mais neste lapso houbo un relevo xeracional e hai tres meses fun elixido para presidir a asociación das funerarias de Ourense, e estes días tócame atender autoridades e outros visitantes.


Como saíu o sector da pandemia?
Eu diría que fortalecido. Superamos a crise, e estamos preparados para o que veña por diante. As empresas actualizáronse, hai unha mellor formación e, polo que estamos a ver aquí, hai unha vocación clara de enfocar o servizo cara o que demanda o cliente. Xa non se impón unha determinada fórmula, senón que se atende especificamente o que pide o cliente.


Está aumentando a demanda de incineracións?
Ese é un exemplo do cambio. Aumenta a demanda dese tipo de servizo. Non estamos en cifras das grandes cidades do Estado, onde as incineracións xa representan o 50%. En Ourense andamos polo 25%, cun incremento constante nos últimos anos. Na provincia xa hai tres empresas privadas con forno incinerador, ademais dun servizo municipal.  


“As empresas actualizáronse, hai unha mellor formación e, polo que estamos a ver aquí, hai unha vocación clara de enfocar o servizo cara o que demanda o cliente” 


Na provincia tamén se producen máis enterros que falecementos. Van seguir as familias que están fóra querendo soterrar aquí aos seus?
Penso que si. Para as funerarias de Ourense ese tipo de servizos representan un 10% do total. Ademais, agora estamos máis preparadas para cubrir todo o servizo, e as familias que están fóra xa se dirixen directamente a nós. Por outra banda, a incineración, cada vez máis habitual, tamén fai posíbel que se atrase o soterramento un tempo e que as familias decidan cando queren vir. 

Temos expositores de Portugal, son tres, menos que en anos anteriores. Mais a afluencia de profesionais do sector desde Portugal mantense.

Rubén Campos, presidente da Asociación de Funerarias de Ourense.


Como está funcionando a Feira, consegue manter o seu carácter internacional?
Estamos moi satisfeitos. A implicación das institucións é absoluta. No plano internacional, temos expositores de Portugal, son tres, menos que en anos anteriores. Mais a afluencia de profesionais do sector desde Portugal mantense. A Feira serve para facer contactos, coñecer novidades... Por exemplo, este ano vemos modelos de coches eléctricos ou híbridos, tamén novidades en ferramentas como o gravado láser en lápidas, novo vestiario, ataúdes, mesmo ofertas de formación en tanatopraxia. 


Axudan este tipo de eventos ao sector na provincia?
En Ourense hai 70 empresas funerarias, e 46 estamos na asociación. Creo que somos unha asociación forte. E non se inclúen velorios ou tanatorios. Descoñezo as cifras de negocio nas que se move o sector a nivel provincial. Pero podo dicir que as expectativas son boas, e penso que a fortaleza do sector manterase se aplicamos esa visión de prestar o servizo que o cliente demanda, porque o cliente é cada vez máis diverso.

Descoñezo as cifras de negocio nas que se move o sector a nivel provincial. Pero podo dicir que as expectativas son boas.