Os servizos sociais do Concello están a captar usuarios para formar grupos na vila e nas parroquias

NOTICIAS A LIMIA | Afaor impartirá este ano os seus primeiros talleres de memoria en Xinzo

Os talleres realizaranse durante todo o ano cunha sesión cada semana.| FOTO: Afaor

A Asociación de Alzhéimer de Ourense (Afaor) e a concellería de Servizos Sociais do Concello de Xinzo, en colaboración con La Caixa, ultiman os preparativos de talleres de memoria destinados a persoas maiores de 64 anos, con carácter gratuíto e que se impartirán durante o 2022 ao ritmo dunha sesión por semana.

Na actualidade, unha traballadora social do Concello está buscando persoas interesadas para organizar e deseñar os grupos e solicitar os espazos para os talleres. “O obxectivo mínimo é que haxa un na vila e un no rural, pero aspiramos a máis”, explica Begoña López, que leva 17 anos nos servizos sociais municipais. 

Será a primeira vez que Afaor imparta este tipo de obradoiros en Xinzo. A asociación colabora con outras cabeceiras de comarca na provincia. “O deseño básico está feito, pero adaptamos os contidos a cada grupo de usuarios”, di Miguel Lázaro, coordinador de Afaor. “Buscamos grupos homoxéneos e reducidos, non máis de 15 persoas. A nosa experiencia de 27 anos indícanos que son os que mellor funcionan”.

O 20% da Limia está por riba dos 65 anos de idade. Esa altura, nalgúns casos, empezan a aparecer dificultades que os obradoiros de memoria intentan combater. “É como ir ao ximnasio”, comenta Begoña López. Trabállase a memoria, a linguaxe, a atención e a orientación. 

“Facemos actividades encamiñadas a un avellentamento saudábel, exercicios para preservar as capacidades cognitivas o maior tempo posíbel”, anota Miguel Lázaro. Os organizadores esperan que as sesións poidan comezar xa no primeiro trimestre do ano, e desenvolverse até o ano que vén. O convenio é para o 2022, pero hai vontade de continuidade nas partes.

“Estamos nesa fase de captar usuarios e facilitar locais, todo o que poidamos difundir o servizo é pouco”, di Begoña. A rede dos Servizos Sociais, a de pedáneos nas parroquias, os medios de comunicación e outros medios son as ferramentas neste momento. Contan rematar a campaña despois do Entroido e poñerse xa a organizar as sesións en marzo.

Para inscribirse nos obradoiros, poden dirixirse ao mail serviciossociales@xinzo-ayto.com, ou chamar ao 988550528, extensión 2, e preguntar por Begoña López.

“Os grupos funcionan mellor no rural, canto máis pequena é parroquia ou o concello,  son grupos máis integrados, e uns turran doutros para non perder unha sesión -comenta Miguel-, a continuidade é importante, como tamén os efectos paralelos: vemos que hai xente que lla dá moito valor ese esforzo”.

O traballo básico consiste en elaborar listas, entender e debater un artigo xornalístico, discernir os detalles menos evidentes nunha fotografía... “e falar e escoitar”, apunta o coordinador de Afaor, “por iso o traballo é sempre grupal”. “Agora mesmo, coa situación sanitaria que estamos a vivir”, subliña Begoña, “é moi importante rachar a soidade e volver a crear espazos comunitarios”.