NOTICIAS A LIMIA | O CDR O Viso participará nunha xornada sobre coidados en Ávila
O pasado mes de outubro San Bartolomé de Pinares foi unha das localidade que secundou un paro simbólico dentro da protesta Yo paro por mi pueblo, unhas das accións reivindicativas da chamada Revuelta de la España Vacidada.
Nesta ocasión, as veciñas e veciños protestaron polas deficiencias do acceso a Internet nas pequenas localidades. A convocatoria foi secundada en La Aldehuela e Burgohondo, tamén en Ávila, en noutros lugares de Castela e León.
Agora, dentro desa estratexia de mobilización e visibilización do rural, o propio Concello de San Bartolomé de Pinares organiza, xunto a Agareal Iniciativas Socioambientales, unha xornada de intercambio de experiencias baixo o título Un pueblo que cuida.
O CDR O Viso é un dos convidados a expoñer a súa práctica. Tamén o fará o Concello de Monleras (Salamanca). Será o próximo sábado, dia 26 de febreiro. E Toño Corbal ofrecerá unha charla co título A Galicia que non se ve faise visíbel desde os coidados.
Trátase de imaxinar vivir “nun pobo onde todas as persoas coidemos unhas doutras e ademais facelo dunha maneira planificada e consciente e sen deixar a ninguén atrás”, informou O Viso nun comunicado de prensa este sábado.
San Bartolomé de Pinares é un municipio da provincia de Ávila, a 27 quilómetros da capital e que pertence á comarca do Val do Alberche. Conta cunha poboación de pouco máis de 500 habitantes. Agareal é unha entidade sen ánimo de lucro entre cuxos fins destaca o de traballar polo desenvolvemento sostible das zonas xeográficas máis deprimidas.
“A proposta é soñar, aprender e construír xuntos un modelo de coidados coas persoas participantes nesa xornada de sábado”, engade o comunicado do CRD O Viso. A continuación das exposicións de Monleras e O Viso, a xornada rematará cunha charla de Miriam Martín, de Agareal, sobre un modelo de coidados para San Bartolomé de Pinares.