NOTICIAS A LIMIA | Mirar as estrelas desde o Larouco
Os montes teñen vida e máis un monte como o Larouco, pensan veciñas e veciños de Baltar, na vertente galega, que desde que en xaneiro pasado sentiron a ameaza da instalación dunha liña de alta tensión entre A Boullosa e Cualedro que esfarelaría a paisaxe e as utilidades de ocio da serra, levan traballando para poñer en valor eses outros usos: empezando polo parapente, que foi o que mobilizou á xente para lle dicir a Iberdrola que nin máis muíños nin máis tendidos.
O parapente foi protagonista en xullo, desde o lado portugués, mais tamén cunha viaxe sobre A Aguioncha, outro faro da Limia baixo a ameaza eólica. O parapente é un factor dinamizador da zona, onde no que vai de ano se abriron dous locais de restauración e mesmo o alcalde, José Antonio Feijoo (PP), recoñeceu que había que coidalo. Agora, á iniciativa de veciñas e veciños, chega un experimento: a observación astronómica.
A experiencia piloto terá lugar mañá venres. Os organizadores limitaron a 35 prazas o número de observadores, aconsellados pola asociación astronómica coruñesa que axudará a mirar as estrelas, o firmamento, desde o cumio do Larouco. “Estivemos esperando até hoxe mesmo, a véspera, para decidir, aínda que a convocatoria estaba lanzada e as prazas xa se cubriron, pero o tempo destes días podía dificultar a observación”, explica Enrique Cuquejo, empresario, comuneiro e membro do Club Parapente Baltar.
“Levamos tempo pensando en facer unha xornada de observación, seguindo un pouco o exemplo do que se fai no concello da Veiga, e puxémonos en contacto coa Agrupación Ío, que habitualmente colabora na Veiga. Eles traerán uns telescopios e darannos as instrucións. Non se trata máis que dunha proba, un piloto, digamos. Queremos saber se o Larouco reúne as condicións para este tipo de actividades, que sería unha máis coa que ir ampliando a oferta”, di Cuquejo.
Así se puxo en marcha AstroLarouco 2022, cun cartel sobre unha fotografía do ceo nocturno do Larouco. Mañá, os participantes na primeira xornada de observación están citados no bar O Cepo en Baltar pouco antes das dez da noite. Subirán en vehículos todo-terreo até a zona máis alta da serra e colocarán os aparellos esperando que o ceo permita alcanzar a ver as estrelas e constelacións. Despois, se a cousa vai ben, empezarase a debuxar o mapa das estrelas do Larouco.