A Escola Rural de Saúde traerá á Casa da Cultura a mostra 'Mulleres símbolo do Rural'

NOTICIAS A LIMIA | A Valedora do Pobo, en Xinzo o día 30 para presentar unha exposición da Escola Rural de Saúde

A Valedora do Pobo, Dolores Fernández (dereita), con Lola Rico, da Escola Rural de Saúde, en maio do ano pasado. | FOTO: Escola Rural de Saúde

DESPOIS DO 8 DE MARZO

A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, será a encargada de inaugurar o próximo día 30 de marzo, mércores, a exposición Mulleres símbolo do Rural, elaborada pola Escola Rural de Saúde da Limia, ao redor das biografías de varias mulleres da comarca e outras personalidades relevantes, entre elas, a da propia Valedora.


Mulleres símbolo do Rural exhíbese desde o pasado mércores na Casa do Concello de Porqueira, primeira parada dunha mostra itinerante que, despois de visitar Xinzo, pasará por Arnuíde (Vilar de Barrio), Sarreaus, Baltar e Sandiás, entre as localidades xa confirmadas.


Son dez relatos de mulleres do rural, referentes nas súas comunidades, e dúas biografías máis: a da Valedora e a da artista coruñesa Maribel Valdivieso. No panel dedicado a Dolores Fernández Galiño, figura unha cita dela procedente da entrevista que mantivo coa Escola Rural de Saúde.


Nese cadro, a Valedora achega a súa definición do que é o feminismo: "O feminismo non é senón a igualdade entre os homes e as mulleres, e fai preciso identificar a discriminación por razóns de xénero. É unha discriminación sistémica que está en todas partes, en todos os países e en toda a historia. As estruturas de poder son masculinas... o home nace empoderado... a muller, con ese outro rol de invisibilidade".


Segundo informou esta mañá a Escola Rural de Saúde da Limia, Dolores Fernández Galiño inaugurará a exposición nun acto na Casa da Cultura previsto para as 18:00 horas do próximo día 30.