NOTICIAS A LIMIA | O Viso explora nichos de emprego nun contexto de reducción da oferta na comarca
"Nestes últimos meses, desde a pandemia, vimos detectando unha redución na oferta de empregos. Vimos detectando ademais moita xornada parcial, excesiva, diría eu; e un peso cada vez maior do traballo pouco cualificado, e dos máis duros", di Guadalupe Bardón, psicóloga e orientadora laboral no seu despacho, austero e luminoso, no Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, en Xinzo de Limia.
"O que imos vendo é que cada vez hai máis demanda no sector da atención socio sanitaria, e que se piden perfís con certificado de cualificación profesional. Hai demanda no sector dos coidados, e iso reflíctese nas altas na Seguridade Social, que son a maioría", engade a orientadora.
No Viso, decidiron explorar ese nichos de emprego mellorando o currículo das persoas ás que dan servizo. E o primeiro que tiveron que salvar foi as dificultades de acceso das usuarias e usuarios ás ferramentas dixitais para poder impartir unha formación on line en tempos de pandemia. "Buscamos cursos que se poideran facer desde o móbil, plataformas moi intuitivas, mais se é preciso, ofrecemos a posibilidade de utilizar os recursos do propio centro ou ceder tablets".
Guadalupe, que comezou no CDR O Viso a princpios de 2020, resume os contidos dos cinco cursos xa en período de inscrición. Por un lado, os de Xestión básica de almacén (30 horas), Factura dixital (40) e de Atención ao cliente (35), "máis transversais, para poder optar a traballos en distintos sectores", aínda que o primeiro está pensado para dotar de habilidades na manufactura no sector primario, e o segundo dirixido ao sector servizos, fundamentalmente hostalaría e comercio. Tamén haberá dous cursos específicos sobre coidados. Un de Primeiros Auxilios para persoas con discapacidades (35 horas), e outro de Administración de Alimentos para dependentes no domicilio (60).
Para acceder á formación é necesario solicitar cita previa (por teléfono ou na propia oficina). Despois dunha entrevista e unha “diagnose de empregabilidade”, a usuaria pode comezar o curso. É gratuíto, non ha límite de prazas e as distintas ofertas estarán abertas todo este ano.
Nos cursos de coidados a matrícula volverán ser todas mulleres. "Desde que estou aquí non lembro ningún home que optara por esta formación. Parece asumido que son labores femininos", di Guadalupe. Os cursos, calquera deles, inclúe unha parte de sensibilización en materia de igualdade e tamén en medio ambiente. Os cursos aportan ademais outros valores.
"O acompañamento das persoas é algo que nos diferencia dos servizos de emprego públicos, por exemplo. Temos tempo e podemos facer seguimento e axudar en moitos trámites de todo tipo, telemáticos ou como elaborar un currículo e saber explicalo, porque iso é o que lle falta a moita xente, que non sabe contar o que fixo e sabe facer. Hai que dedicar tempo a iso. A metade das persoas coas que seguimos un itinerario o ano pasado conseguiron traballo", asegura a orientadora.
No CDR O Viso teñen programada máis formación, intentando no posíbel personalizar a oferta. Reciben axudas europeas e das Administracións estatais e galegas, dentro do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social do Ministerio de Traballo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e o Programa Integral de Intervención Comunitaria no medio Rural da Xunta.