NOTICIAS A LIMIA | As vítimas espidas
Despois do 8 de marzo
Ana Saavedra fala no Ágora este venres pola tarde dentro do Foro Entre Nosotras sobre mulleres vítimas de violencia de xénero. Fala sen papeis. Un torrente de emocións que combina cun sentido práctico da acción. Ela, que foi vítima, e xa non o é, confesa que adquiriu costumes que non abandonará xamais. A charla, nese rego que as mulleres volven arar cada ano entre 8M e 8M, é unha lección de defensa persoal, porque fóra, o sistema institucional de defensa segue presentando eivas.
Ana Saavedra, presidenta da asociación Mirabal, vén desde Betanzos, acompañada por dúas persoas: unha dela é a súa filla. A asociación está especializada en asistir vítimas. As asociacións, a maioría, son vítimas defendendo vítimas. A súa filla tiña 2 anos e pico cando Ana conseguiu liberarse do seu maltratador, pero non de todo (as eivas do sistema). Nai e filla tiveron que permanecer na mesma cidade (para evitar o desarraigo da nena, determinou á Xustiza). O maltratador, que era o pai da nena, recollía á nena no cuartel da Garda Civil, e despois Ana esperaba cunha amiga a entrega da nena no portal da súa casa.
A presidenta da asociación Mirabal senta no Ágora, a tenda-café de Sonia Trigo, un tanto asombrada. “Non coñezo unha experiencia como esta”, di. Sonia e as súas colaboradoras son parte na Limia dese rego entre 8M e 8M. Ana Saavedra senta de costas á parede e coas dúas portas do local á vista. “É unha desas costumes que adquirín para me defender. Se pecho os ollos, podo dicir cantas persoas hai na sala e onde están sentadas”.
Hai vinte anos que Ana sufriu un acoitelamento. Despois houbo outra agresión. O maltratador foi detido. Dunha vez cruzáronse nunha praza da vila na que vivían e el ameazouna: “Vou a por ti”. Ana explica aquela sensación de pánico arrepiante. E a continuación explica o estigma. Fala a filla e conta como cando Ana queda con calquera amiga ou veciña para tomar un café, o resto da vila pensa que esa muller é unha vítima de violencia porque está con ela, que as defende porque tamén ela foi unha vítima e son elas as que se teñen que defender porque o sistema, aínda hoxe, presenta eivas arrepiantes.
“Cando algún che di: non poñas esa roupa que pareces unha puta; coidado! Non te sintas mal, sabes que pos esa roupa porque che gusta. Ti non es unha puta. É un mecanismo de control, de sometemento. Coidado”, aconsella Ana.
Ana conta como as mulleres vítimas teñen que se espir continuamente porque o trámite da denuncia segue sendo lento e pesado. Porque teñen que responder a un cuestionario que lles esixe que se ispan. Diante da Garda Civil, despois diante da xuíza, despois no xuízo. Un sistema de defensa impúdico que nin sequera contempla unha sala nos xulgados para que non se teñan que expoñer diante do seu maltratador.
O sistema falla no final e no principio. O teléfono de atención, o 016, “non serve para nada”, opina Ana. “E os servizos sociais moitas veces non as informan das axudas que hai, que son moitas, pero non se coñecen”. E mesmo o sistema de defensa institucional falla cando os cuarteis da Garda Civil pechan a determinadas horas, ou cando nos cuarteis non saben cubrir o formulario de denuncia, ou cando hai CIM tamén pechados. E nese punto a charla sobre a experiencia de Ana na defensa de vítimas por vítimas cede o paso ao coloquio.
O debate na tenda-café Ágora é, a un tempo, exercicio e arma de defensa. Mulleres falando do que se fala pouco. Mais na Limia existen foros, este e outros. O rego de doce meses para non desaparecer da axenda.