O PSdeG ourensán reclama eleccións directas para elexir aos deputados provinciais
O PSdeG-PSOE de Ourense reclama a elección directa dos deputados provinciais, simultaneamente a do resto de membros das corporacións locais, co fin de corrixir o "déficit democrático" do actual sistema indirecto. Mediante unha iniciativa que se votará na Deputación, os socialistas queren fortalecer a representatividade democrática, aumentar a confianza dos cidadáns nestas institucións, garantir maior transparencia e impulsar a rendición de contas dos cargos políticos.
Concretamente, piden ao Goberno central a aprobación dunha iniciativa lexislativa para reformar a Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral e de todo o que sexa necesario modificar, para aprobar esta elección directa das corporacións. Tamén instan ao Parlamento de Galicia a solicitar do Goberno central a adopción dun proxecto de lei ou remitir ao Congreso unha proposición de sobre esta reforma. Por último, piden á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que promova os cambios que sexan necesarios para o cambio.
O voceiro socialista, Rafael Rodríguez Villarino, explicou que "queremos unha segunda urna nos colexios electorais" porque o modelo actual está "volcado nos partidos políticos, deixando completamente á marxe a cidadanía" e salientou que "España é o único lugar de Europa con este sistema de elección indirecta". Villarino recalcou que o modelo "debe ser corrixido canto antes", dado que é un sistema que xa non opera nalgúns lugares como as tres provincias vascas ou nos cabildos insulares de Canarias, onde escollen directamente ás corporacións provinciais.
Villarino recordou que o actual presidente provincial fixo no pasado campañas electorais presidencialistas que "foron un fraude", xa que non se podía escoller a ninguén. "Queremos acabar con ese fraude e que se convirtan en campañas reais", aseverou antes de recordar que esta proposta rescata un modelo electivo do ano 1881, que xa recoñecía o sufraxio en comicios provinciais a todos os españois maiores de idade.
Desde o PSdeG-PSOE ourensán sinalan, para exemplificar ese déficit democrático, que "moitos presidentes de deputacións son elixidos a través de acordos escuros de dubidoso interese xeral ou próximos a certos grupos de poder", o que pode levar á adopción de "decisións pouco representativas da vontade da poboación". "Isto incluso pode provocar prácticas irregulares como demostra a historia da nosa provincia", engaden.
Os socialistas recordan que Manuel Baltar manifestou en varias ocasións, sempre en coloquios ou nos medios de comunicación, o seu anhelo desta elección directa, pero "nunca fixo proposta formal algunha mediante iniciativas políticas neste plenario ou propostas lexislativas nas instancias que correspondan". "Por iso cremos que chegou o momento de deixar de lado toda esa propaganda personalista, para dar un paso adiante en favor da democracia plena", recalcan.