A socialista Teresa Barge márcase o obxectivo de ser a primeira alcaldesa de Celanova
O PSdeG-PSOE de Ourense vén de confirmar que Teresa Barge será a súa candidata á alcaldía de Celanova de cara aos comicios electorais, que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. A actual concelleira socialista destaca que se presenta a estas eleccións coa intención de “traballar polo noso municipio con dilixencia e honestidade, pois para iso somos elixidos, e agradecendo o alento cando o merecemos e coa obriga de escoitar e de facer o mellor por Celanova”.
A candidata socialista fai fincapé en que “temos a forza e a capacidade para dar o impulso definitivo a Celanova, sen crispar a ninguén, mobilizándonos en contra das ameazas e das parcialidades”. Barge tamén apunta que “chegamos a un punto sen retorno, pero non teño medo aos retos, pola contra, teño a esperanza firme de que xuntas e xuntos seremos quen de tomar as decisións do presente de Celanova”.
Barge pon o foco en que “é o momento dun goberno que afronte a realidade actual e de fomentar a credibilidade nos que temos a obriga e o encargo de traballar para o noso pobo”. A candidata tamén destaca que “o cambio non o fai un só partido, faino o respecto, a unión e a colaboración".
A actual concelleira do Goberno municipal nas áreas de Novas tecnoloxías, participación cidadá, promoción empresarial, mobilidade, igualdade e integración social, subliña que “non foi fácil chegar ata aquí, traballei arreo dentro das competencias das miñas concellerías, e sigo con forza e ganas, Celanova meréceo, merecédelo cada unha e cada un de vós”. Neste senso, afirma que “as situacións cambiaron e continuarán cambiando, e se estou aquí é porque pretendo ser a primeira muller en dirixir a alcaldía de Celanova”.
“Todas e todos somos conscientes do que pode e debe chegar a ser Celanova e a súa comarca e levamos as ideas claras de apostar polo noso entorno rural, polo apoio a creación de empresas locais, polo comercio, pola hostalería, polos profesionais de cada sector, pola saúde social de cativos, mozos e maiores, pola igualdade sen etiquetas, polo impulso á inserción, polo respecto aos animais, polo engrandecemento turístico, pola mellora estrutural de cada recuncho da nosa vila e pola loita pola mobilidade”, afirma Teresa Barge.
A cabeza de lista do PSdeG-PSOE nos comicios electorais de maio tamén destaca que “quero seguir traballando polo meu concello, seguir coa miña vocación de colaborar, de escoitar, de acompañar e de dar a man, tal e como amosei como concelleira ao longo destes catro anos”.