Os socialistas reclaman á Xunta unha solución para a "situación catastrófica" da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta esixiulle á nova xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras que reforce o persoal sanitario e mellore a planificación dos recursos para resolver a "situación catastrófica do servizo e garantir a atención sanitaria de calidade que merecen os ourensáns e as ourensás". Dacosta deu a voz de alarma na Comisión de Sanidade, onde presentou unha pregunta pola situación dun servizo "ao borde do colapso".
A parlamentaria ourensá alertou de que os recortes e a deficiente planificación dos recursos dispoñibles por parte dun equipo de xerencia "lamentable" dende hai anos ten provocado unha situación límite para os e as ourensáns. Sinalou que o "absoluto desleixo" por parte do goberno galego ten afectado sinaladamente aos servizos de Atención Primaria, Oftalmoloxía, Urxencias ou Rehabilitación.
Así o están a advertir os profesionais sanitarios que se están a manifestar cada semana diante dos centros hospitalarios, logo de que a xerencia desatendera as continuas queixas diante da dirección e dos responsables de Recursos Humanos, o que os ten obrigado a recorrer mesmo á Valedora do Pobo.
Dacosta esixiu aos responsables de sanidade do goberno galego que atendan ás demandas dos profesionais sanitarios, que non están a pedir melloras económicas, senón realizar o seu traballo en condicións dignas. Alertou de que a sobrecarga á que están sometidos é "inhumana", aumentando o risco de cometer erros no seu traballo; e resumiu que "a situación dos últimos 15 días nos quirófanos é denunciable", atentando aos dereitos laborais básicos dos profesionais sanitarios.