Os presidentes das cinco denominacións de orixe exporán na sede do Parlamento en Bruxelas a situación do sector

Xunta e Consellos Reguladores promocionarán o viño galego no Europarlamento

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director de AGACAL, Martín Alemparte, na reunión con representantes dos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia.

A Xunta e os consellos reguladores das cinco denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras) colaboran para poñer en valor e promocionar o viño galego mediante unha acción extraordinaria no Parlamento Europeo. Onte a tarde, o director técnico da DO Monterrei, Luis Miguel López Núñez, asistía á reunión convocada para avanzar nesta acción.

O obxectivo desta iniciativa é difundir a calidade do viño galego nunha das institucións máis importantes da Unión Europea, como é o Parlamento. Así, está previsto que nesta xornada de promoción, que se desenvolverá na sede da cámara en Bruxelas, os presidentes das cinco DO expoñan a situación do sector, a súa historia, identidade e principais retos (ambientais, burocráticos, comerciais etc.). Ademais, estas intervencións complementaranse coa degustación de viños e outros produtos galegos de calidade diferenciada.

Representantes das cinco denominacións de orixe galegas asistían á reunión convocada por Medio Rural.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, presidía unha xuntanza na que se deron os primerios pasos desta iniciativa divulgativa e de promoción dos viños galegos, prevista inicialmente para a vindeira primavera. Xunto a ela, representantes destas entidades.

A intención dos organizadores é convidar a estes actos a representantes do sector vitivinícola e agrícola europeo (asociacións, empresas, funcionarios europeos, asesores, sindicatos e outros), así como a eurodeputados de todos os partidos e países vinculados ao sector do viño e a autoridades con presenza na capital comunitaria, coma o comisario de Agricultura, a presidenta do Parlamento, o embaixador de España ante a Unión Europea ou o presidente da Comisión de Agricultura. Esta iniciativa reforzarase con accións de comunicación, para intensificar a presenza dos viños galegos en redes, medios e na propia sede da Eurocámara.