A Fiscalía estuda posibles irregularidades na súa xestión

O BNG de Trasmiras esixe un pleno urxente para que o rexedor explique por que o investigan

O grupo municipal do BNG solicitará a convocatoria dun Pleno extraordinario de urxencia no Concello de Trasmiras, á vista dos recentes acontecementos xudiciais que afectan ao equipo de Goberno municipal.

"Non cremos na xudicialización da política e sempre nos centramos estritamente no ámbito político", indicou a voceira nacionalista de Trasmiras, María do Mar Alonso. O BNG solicitara reiteradamente información en diferentes plenos sobre os supostos ilícitos que levaron á Fiscalía a investigar as diversas situacións irregulares no Concello. "Dende o BNG pedimos en varios plenos explicacións sobre unha serie de expedientes e pagos que consideramos irregulares e dos que non obtivemos información por parte do actual alcalde".

Para o BNG, é no ámbito político onde se deben resolver este tipo de problemas, sosteñen. Por iso, ante as actuacións da Fiscalía na casa consistorial de Trasmiras, por uns presuntos delitos de gravidade, insisten en que "é no ámbito institucional e político onde se deben clarificar, polo ben da veciñanza, a xestión que se fai dende o concello por parte dos representantes políticos".

O grupo municipal do BNG de Trasmiras espera que "os presuntos ilícitos de malversación de fondos públicos e prevaricación, supostamente cometidos polo actual alcalde de Trasmiras, Emilio José Pazos Ojea, sexan resoltos debidamente e coa máxima dilixencia polas autoridades, polo ben do Concello".

Por este motivo, esixen ao alcalde que dea as debidas explicacións públicas no ámbito da súa responsabilidade, comparecendo ante o pleno municipal. Por esta razón, "solicitaremos un pleno extraordinario de urxencia no que responda ás preguntas e dúbidas que suscita a súa xestión política", din dende a formación nacionalista.

Ademais de solicitar o pleno extraordinario e de urxencia, tamén reclaman que se lles dea acceso aos expedientes que motivaron a investigación e intervención da Fiscalía en Trasmiras.