NOTICIAS A LIMIA | Escornabois vivirá as antigas tradicións do Entroido nun só día
Escornabois festexará este sábado o Entroido por todo o alto, no que se tratará de recuperar algunhas das antigas tradicións que había nesta localidade de Trasmiras. "Queremos que a xente esté na rúa e celebre o Entroido", sinala Jacobo Rodríguez, un dos organizadores. Nun só día levarán a cabo moitos ritos que antes se facían en tres xornadas, co obxectivo de manter vivo o espírito do Entroido en Escornabois.
O pasado domingo, os peliqueiros de Escornabois, ou os zarramunqueiros para os veciños máis veteranos, saíron á rúa para festexar o Corredoiro e o sábado tomarán de novo os espazos da localidade a partir das 18:00 horas, despois do desfile que terá lugar en Trasmiras ás 17:00 horas. "Ao longo da tarde-noite faremos a lectura do testamento e queimaremos o meco que xa temos colgado", explica Rodríguez.
A festa estará acompañada dun porco ó espeto, preparado por un cociñeiro de Portugal, gratuíto para a xente que colaborou nas festas do pasado ano ou por 10 euros e rematarase cunha queimada e chocolatada. Todo isto será no Outeiro de Escornabois, no campo da festa.
Despois duns anos marcados pola pandemia, Jacobo Rodríguez, o seu irmán e un amigo máis son os que están detrás da organización do Entroido de Escornabois, que quere volver ás orixes. "Faremos o que podemos, porque todo nun día é imposible. O que queremos é que sexa unha xornada de festa e de unión entre os veciños", destaca Rodríguez. Haberá unha fogueira na que se queimará o meco e tamén para preparar a chocolatada, buscando recrear outros tempos.
As vivencias dos máis maiores de Escornabois son o legado para que os veciños máis novos podas agora intentar recuperar as tradicións. "Queremos traelo de novo porque a toda a xente desta zona lle gusta moito o Entroido e por iso intentaremos que se volvan facer algunhas cousas, na rúa", resalta Rodríguez.
Algunhas destas tradicións contan con moitas décadas de historia ás súas espaldas. Rodríguez explica que os veciños máis veteranos, que rondan os 90 anos, acórdanse de ver cando eran nenos aos "zarramunqueiros", os peliqueiros de Escornabois de agora. "É unha tradición que polo menos ten 80 anos de historia", apunta. Estes peliqueiros non son exclusivos desta localidade e tamén se poñen o traxe noutras de de Trasmiras e Sarreaus.