NOTICIAS A LIMIA | Trasmiras ofrece actividades de conciliación co Programa Corresponsables
O próximo 3 de xullo, o Programa Corresponsables 2023 botará a andar este verán en Trasmiras. Esta iniciativa de conciliación que promove o Concello, está destinada a nenos e mozos dos 3 aos 16 anos, co obxectivo de facer máis amenas as vacacións de verán cunha gran variedade de actividades.
O Programa Corresponsables levarase a cabo por quincenas, comezando a primeira o 3 de xullo. Os rapaces poderán participar na que mellor se axuste ás necesidades de cada familia, xa que rematará o 31 de agosto. O horario de actividades será de mañá, das 9:00 a 14:00 horas.
O prazo de inscrición está aberto ata este venres e as prazas son limitadas, polo que se concederán por orde de presentación e daráse prioridade aos que estén empadroados no municipio. O inscrición pódese presentar nas oficinas do Concello, onde tamén se pode obter máis información sobre o programa ou a través do teléfono 988 44 50 00.
Este proxecto forma parte do Plan Corresponsables impulsado pola Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade, co obxectivo de deseñar sistemas integrais de coidado dende unha perspectiva de xénero, interseccional e de dereitos humanos para promover a corresponsabilidade entre homes e mulleres, Estado, mercado, familias e comunidade. Ademais, estas actividades de verán tamén contan co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e de Igualdade.