NOTICIAS A LIMIA | Condutor ferido nun choque por alcance na A-52 nas Corvaceiras
O condutor dunha furgoneta de reparto que chocou contra a parte traseira dun camión na A-52 este martes entre Trasmiras e Cualedro foi evacuado en ambulancia despois de ser excarcerado do vehículo. O home estaba consciente, segundo informaron os servizos de emerxencia, e queixábase das pernas. O sinistro non produciu máis feridos.
O accidente produciuse pouco despois das 16:30 horas. A Garda Civil e o servizo de mantemento da autovía cortaron un dos carrís en dirección a Verín. O camión puido continuar a súa viaxe, mentres dúas unidades de bombeiros se desprazaron ao lugar para axudar na evacuación do ferido, que antes das 17:00 horas xa foi trasladado en ambulancia.
Segundo testemuñas, a furgoneta bateu contra a parte posterior do tráiler nun carril de adiantamento na subida das Corvaceiras, no termo municipal de Cualedro. A furgoneta quedou na metade da vía e foi necesario cortar o carril para garantir a seguridade dos servizos de emerxencia no labor de evacuación, así como para limpar a área de restos de combustíbel e pezas que se desprenderon dos dous vehículos.
As seis da tarde, unha grúa procedeu a retirar a furgoneta. Persoal da empresa de reparto acudiu ao lugar do sinistro para se facer cargo do vehículo.