Finou de madrugada, a unhas semanas de cumprir os 109 esta primavera

NOTICIAS A LIMIA | Morre en Chamusiños Asunción López, a muller máis vella de Ourense con 108 anos

Esquela de Asunción López, esta mañá en Chamusiños.

Na aldea de Chamusiños, en plena chaira da Limia entre Xinzo e Trasmiras, a capitalidade do concello ao que pertence, este xoves gris de febreiro espertaron de loito. De madrugada, faleceu na súa casa da rúa Luís Pimentel, así se chama a estrada que atravesa toda a aldea, Asunción López Rodríguez, a veciña máis lonxeva de Trasmiras, da Limia e de toda a provincia de Ourense. Morreu con 108 anos, a poucas semanas de alcanzar os 109 anos.

Vivenda da familia de Asunción López en Chamusiños.

Asunción López Rodríguez deixa cinco fillos, dez netos, dez biznetos e un tataraneto. A familia está asentada na Limia, tiña fillos ao carón dela en Chamusiños. A esquela do pasamento estaba esta mañá pendurada nun poste a escasos 50 metros da última casa na que viviu. Un dos netos conversaba ás portas do tanatorio de Transmiras con veciños que acudiron a dar o pésame. Esta mañá a familia preferiu non facer declaración pública. 

Asunción López Rodríguez, que será soterrada mañá en Trasmiras, deixa cinco fillos, dez netos, dez biznetos e un tataraneto.

Maña venres, ás catro da tarde, o corpo de Asunción López será conducido á capela de Santa Baia, onde se oficiará un funeral e, posteriormente, se depositarán os restos no cemiterio parroquial.

[EN ACTUALIZACIÓN]