NOTICIAS A LIMIA | Dúas semanas sen médico en Trasmiras por falta de substituto
O vindeiro martes serán xa dúas as semanas nas que o consultorio médico de Trasmiras estará sen doutor. A baixa da galena que xa substituía ao facultativo titular -tamén de baixa prolongada- veu motivada polo seu positivo en coronavirus e, dende entón, os pacientes do Sergas adscritos a este municipio quedaron sen o servizo médico na capitalidade do concello, debendo trasladarse a Xinzo ou a Sarreaus, a onde están sendo derivados.
O propio rexedor municipal, Emilio José Pazos Ojea, remitiu este xoves 22 de xullo unha queixa formal á Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, esixindo que substitúa "á maior brevidade posible ao facultativo no caso de que esa xerencia conte con que non se incorpore na vindeira semana", di o alcalde, que considera "inaceptable que o concello non dispoña dos servizos sanitarios que merece por algo tan sinxelo como destinar a un médico de substitución cando o anterior colle unha baixa", apunta.
Pazos Ojea vai máis aló e apunta a que "non quero pensar que detrás deste tipo de decisións se esconda a intención a amortizar a praza e que os usuarios do Sergas deste Concello acaben sendo incorporados aos cupos de Xinzo ou Sarreaus. Que sexamos un municipio pequeno, ben comunicado e preto doutros non debe ser motivo para que os nosos veciños non teñan todos os servizos que por resideren nel se merecen", concluiu o mandatario popular.