Os gastos en subministracións básicas diparáronse este ano

NOTICIAS A LIMIA | Trasmiras aproba o orzamento de 2023 por case 985.000 euros

WhatsApp Image 2022-12-22 at 21.03.51

O Concello de Trasmiras aprobou este xoves 22 de decembro de 2022 o presuposto de 2023 por valor de 984.589,68 euros, na liña do que se sacou adiante o pasado ano. "Son uns orzamentos reais, nos que se fan previsións co diñeiro que temos e non pensando no que nos pode chegar", sinala o alcalde, Emilio Pazos.

Os gastos en subministración básicas, como é a luz, están sendo unha gran dificultade para os concellos e en Trasmiras non se libran. "Neste ano tiñamos presupostado para o gasto de luz 60.000 euros, unha cifra que tiramos para arriba. Pois a falta da factura de decembro, xa pagamos case 67.000 euros", destaca o alcalde, pese a que prácticamente todas as aldeas contan con luces LED no alumeado público. 

O alcalde tamén reflexiona sobre todos os problemas que a seca xerou no concello este verán e que puxo ao límite a súa subministración polo uso irresponsable. O gasto nas depuradoras municipais disparouse ata os 55.000 euros e o abastecemento domiciliario de auga potable supuxo un desembolso de 65.000 euros, moito máis dos 35.000 previstos no orzamento de 2022. "En consumo de enerxía gastamos máis 175.000 euros, que é o que nos está moendo agora a todos os concellos e menos mal que en Trasmiras estamos optimizando o lumeado público ao máximo con luces LED", explica Pazos.

 

Este incremento do prezo na factura eléctrica aumenta fai que o gasto bens correntes e servizos, no que se inclúen, sexan maiores. Nos orzamentos de 2023 calcularon un importe de 368.099,08 euros que se destinará ás subministracións básicas, pero tamén ao mantemento de edificios e espazos públicos, entre outros. En canto a gastos de persoal, o Concello de Trasmiras pagará 449.010,60 euros.

No tocante a inversións reais, o orzamento contempla un gasto de 67.115 euros, cifra que se pode incrementar no vindeiro ano cando se pidan e concedan novas subvencións. "Este mesmo presuposto, se o aprobásemos en agosto, sería moito maior neste punto polas subvencións xa concedidas", apunta Pazos. En canto aos gastos financeiros, o Concello de Trasmiras non ten e iso fai que teña a súa "capacidade de endeudamento intacta". Nas transferencias correntes prevén un gasto 99.165 euros, principalmente para o pago do servizo do lixo que presta a Deputación.

Sobre os ingresos, a maior parte proceden de transferencias correntes da administración pública estatal, autonómica e provincial, cun total de 590.565,83 euros. A segunda maior fonte de beneficios serán os impostos directos con 249.226,70, aos que se lles sumarán os indirectos e as taxas, prezos públicos e outros ingresos para completar os 984.589,68 euros que prevén gañar.