O Concello participou na edición de "Memoria Temoeira"

NOTICIAS A LIMIA | Trasmiras recompila en imaxes medio século de historia

Presentación "Memoria Temoeira", en Trasmiras. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Máis de duascentas persoas participaron esta tarde, no pavillón polideportivo do Concello de Trasmiras, na presentación oficial do libro “Memoria Temoeira”, un recompilatorio de imaxes do medio século de historia das xentes do lugar entre os anos 1940 e 1990.

Algúns dos asistentes á presentación de "Memoria Temoeira". | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

No acto, que estivo presidido polo alcalde, Emilio José Pazos Ojea, estiveron tamén presentes os responsables da idea que máis tarde acabaría transformándose no libro, e caras moi coñecidas nadas ou relacionadas co municipio, como o lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz, a escritora Clara Martín ou o coñecido locutor radiofónico de Radio Ourense – Cadena Ser, “Pepe” González.

Un grupo de Facebook creado meses atrás foi o xerme desta publicación, para a que se seleccionaron máis de 250 imaxes das case un milleiro que inicialmente aportaron os veciños do concello de Trasmiras. Patri Ayuso, Marisol Méndez e Plácido López Rodríguez foros os encargados de recoller, seleccionar, dixitalizar e darlle forma ao libro presentado esta tarde, edición na que tamén colaborou -ademais do propio Concello de Trasmiras- a librería Aira das Letras de Allariz, onde tamén está á venda.

Exposición permanente na Casa da Cultura

Na presentación, o rexedor popular, Emilio José Pazos, anunciou que todas as imaxes recollidas no libro quedarán expostas de xeito permanente na Casa da Cultura de Trasmiras porque, segundo asegurou, “todos os que chegamos até aquí somos froito e produto dos nosos antepasados, da nosa xente, que loitaron e viviron épocas moi duras e que merecen todo o noso recoñecemento. O primeiro paso que todos temos que dar para que o noso rural non esmoreza é lembrar de onde vimos, e así termos moi claro a onde queremos chegar. Hoxe é un día no que me sinto especialmente orgulloso de ser alcalde deste concello, que non esquece, e Memoria Temoeira é o seu reflexo”, apuntou Pazos Ojea.

O rexedor de Trasmiras -de pé-, Emilio José Pazos, co locutor "Pepe" González. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

A banda de gaitas do Concello de Trasmiras, dependente da Escola Municipal foi a encargada de pór a nota musical ao evento, tanto no propio pavillón coma no pasarrúas previo á celebración do acto.