NOTICIAS A LIMIA | Trasmiras renova o compromiso da Deputación coa residencia de maiores
“Intentaremos cofinanciar o proxecto entre a Xunta, a Deputación e o Concello. Pretendemos sacar un concurso de proxecto, obra e servizo, cofinanciado evidentemente coa iniciativa privada”, dixo Emilio Pazos, alcalde de Trasmiras, despois dunha reunión este martes en Ourense co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen comprometeu "o firme apoio do goberno provincial", segundo informa a Deputación hoxe nun comunicado de prensa.
“O presidente da Deputación de Ourense reafirmou o seu compromiso para a construción da residencia de maiores de Trasmiras”, di a nota de prensa. E engade: "Un proxecto que se reactiva despois de que, por causas alleas ao Concello e á institución provincial, non puidese arrancar o ano pasado”.
Hai apenas dúas semanas, Emilio Pazos, nunha reunión con veciñas e veciños na Casa do Concello de Trasmiras, informou de que xa contan cos terreos e que parte do financiamento podería chegar de fondos procedentes dun acordo marco entre o Consorcio Galego de Benestar e a Federación Galega de Municipios e Provincias. O Concello de Trasmiras optará a unha subvención de 1,2 millóns de euros.
“No tema financiamento, sorpréndenos que diga que vai pedir de novo os cartos á Deputación e á Xunta”, criticou o BNG de Trasmiras nos días seguintes. “Pero non era que o financiamento xa o tiña acordada coa Xunta, coa Deputación e con fins privados a principios do ano 2020, cando presentou esta documentación no pleno da corporación local?”, pregúntanse as nacionalistas.
Naquela reunión no Concello, o alcalde explicou como a disputa sobre a cesión dos terreos, que parte dos comuneiros acabou por levar diante da xustiza, impediu desenvolver o proxecto e o financiamento acordado quedou en suspenso. De aí que Pazos teña que repetir as xestións.
Onte, o alcalde de Trasmiras tamén conseguiu outro compromiso da Deputación. O goberno provincial tamén cooperará no proxecto do novo cemiterio parroquial de Vilaseca.
É unha actuación “urxentísima”, segundo Pazos, dado que o actual camposanto non ten espazo para unha ampliación. “Ante esta particularidade, optamos por mercar unha parcela e recualificala para o seu uso coma cemiterio. Agora, co plan parcial e informado, faremos o proxecto de execución cos informes oportunos”, di o alcalde. “En canto teñamos luz verde. Estaríamos falando do verán”.