O Sergas confirma que a médica de Trasmiras reincorpórase este martes
O alcalde de Trasmiras, Emilio José Pazos Ojea, vén de confirmar que a médica substituta do galeno titular en Trasmiras reincorporarase hoxe ao seu posto de traballo no consultorio da localidade logo de que a súa PCR de confirmación de coronavirus dera negativo.
Este martes cúmprense dúas semanas dende que o concello de Trasmiras quedou sen facultativo, véndose os seus veciños na obriga de pasar consulta en Sarreaus ou Xinzo, a onde estaban sendo derivados. O médico titular da praza está de baixa prolongada e a súa substituta resultou positiva de Covid - 19, que vén de superar.
O rexedor, Emilio Pazos, celebra que se restitúa o servizo e, "aínda que podo entender, porque iso é o que nos din dende o Sergas, que o déficit de médicos de atención primaria é un feito, iso non é suficiente para manter a unha poboación dúas semanas sen médico, e máis no rural, onde o envellecemento e as patoloxías derivadas da idade son máis e maiores en número", apuntou Pazos Ojea.