É a número 2 do PP na localidade

ENTREVISTA | Montse Lama: "Vilar de Barrio é un concello con moita riqueza que non está explotada"

Montse Lama preséntase ás eleccións municipais como número 2 na lista do PP en Vilar de Barrio.

Montse Lama (Xinzo de Limia, 1985) acumula máis de dez anos de experiencia no mundo da política e nas eleccións municipais do 28 de maio dará un xiro á súa carreira. Tras deixar o Partido Popular para presentarse á alcaldía de Xinzo por Ciudadanos no 2019, rematará a lexislatura como concelleira non adscrita e emprendendo un novo camiño, esta vez cos populares de Vilar de Barrio.

 

A tamén deputada provincial acompaña a Óscar Seguín no proxecto electoral do PP en Vilar de Barrio, onde será a número 2 da súa lista. Sacar o maior proveito da riqueza paisaxística da localidade é un dos obxectivos que se marcan, xa que consideran que o concello non está suficientemente explotado.

Que motivou o cambio de presentarse en Vilar de Barrio?

Esta aposta por Vilar de Barrio está basada en dúas cuestións. Unha é o candidato -Óscar Seguín- ao que coñezo de fai moitos anos e eu fun a que o meteu un pouco no mundo da política. Únenos a amizade, pero tamén o desexo de explotar a riqueza natural, paisaxística e turística que ten Vilar de Barrio, porque aínda non chegou ninguén á alcaldía que aposte decididamente por iso. Óscar pediume que o acompañase porque sabe do cariño e das ganas que teño para sacarlle todo o potencial ao concello.

Ten algún vínculo coa localidade?

Eu non son de Vilar de Barrio, pero teño alí familia política. É un concello no que eu sempre me sentín moi querida e atraída por el, porque considero que non está explotado e creo que a xente tampouco coñece a marabilla que é. Ao principio do mandato do ano 19, unha das miñas apostas no Debate do Estado da Provincia foi a de poñer en valor a Serra de San Mamede, que está algo abandonada.

Por que é unha das súas apostas?

Eu levo moitos anos querendo traballar para fortalecer esta zona da provincia de Ourense porque, ao ser deputada provincial, tamén te sintes un pouco pertencente a todos os concellos ourensáns e contas cunha visión máis global. Considero que hai territorios, neste caso Vilar de Barrio, que non están explotados todo o que merecen. Ten unha gran riqueza e creo que hai xente, incluso de territorios dos arredores, que non a coñecen. Por iso, eu quero facer esta aposta e estou encantada de acompañar a Óscar, podendo converter un pouco en realidade ese soño que tantos anos leva na miña cabeza.

Unha das nosas ideas clave é a da creación dun parque multiaventuras, porque non existe ningún como tal na provincia

Cal é o obxectivo desta candidatura?

Para nós está claro. Queremos transformar e buscarlle un futuro a Vilar de Barrio porque, de seguir como ata o de agora, quedará sen habitantes e traballo. Se potenciamos todo o que é a Serra de San Mamede de cara ao turismo, podemos xerar riqueza e emprego. Unha das ideas clave que temos é a creación dun parque multiaventuras, porque na zona de Ourense non existe ningún como tal, o máis similar atópase en Manzaneda. Traballaremos por facer un, dun nivel importante, que englobe a toda a provincia e que sexa un referente a nivel autonómico. Estamos seguros de que lle imos sacar partido ao portencial de Vilar de Barrio, porque o ten.

Que opinión ten do candidato popular?

Non é porque sexa o meu candidato, pero Óscar é unha marabillosa e excelente persoa. Moi currante e traballador, que é o que nós vemos del. Vas polas rúas de Vilar de Barrio con el, dá igual o núcleo rural que sexa, e todos o queren moitísimo.