As clases están adaptadas ao nivel dos solicitantes

NOTICIAS A LIMIA | Vilar de Barrio ofrece cursos de alfabetización dixital para adultos

Curso de alfabetización para adultos no Concello de Vilar de Barrio. | FOTO: Concello de Vilar de Barrio.

Esta semana, o Concello de Vilar de Barrio acaba de dar inicio a unha serie de cursos adicados á alfabetización dixital para adultos -cunha idade superior a 18 anos- .

As sesións formativas estanse a impartir polo equipo docente do concello en colaboración con diversos veciños e veciñas voluntarios do pobo. Os formadores comparten os seus coñecementos e experiencias cun grupo alumnos que non supera os cinco membros -debido ao límite de aforo derivado da pandemia- . Os contidos seleccionaranse seguindo nivel do que dispoñan os solicitantes, adaptándoos ás necesidades requeridas por cada un. 

Polo xeral, nestas vindeiras semanas as clases centraranse no manexo de diversas aplicacións básicas e na realización de trámites cotiáns a través do teléfono móbil. Ensinarase como usar Whatsapp e o correo electrónico, a realizar e enviar fotografías ou compartir ubicacións, o manexo de diversas redes sociais -según se requira- ... En caso de haber unha maior demanda crearanse novos grupos cun contido adaptado.

Para inscribirse como formador ou alumno, ou simplemente solicitar máis información, deberase chamar ao teléfono do Concello de Vilar de Barrio -988 44 90 01- . A participación é totalmente gratuita.