Veciñanza de Vilar de Barrio rexeitou o derrubo de varias infraestruturas no Arnoia

NOTICIAS A LIMIA | O BNG pide na Deputación protección para presas que a CHMS quere eliminar

Río Arnoia en Vilar de Barrio. | FOTO: Concello de Vilar de Barrio.

O deputado do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, presentará no pleno ordinario de mañá venres unha moción para promover a conservación de presas tradicionais nos ríos da provincia “que a día de hoxe continúan xogando un papel na conservación dos ríos e regatos, sobre todo nas cada vez máis prolongadas épocas de estiaxe”


O BNG apoia así a decisión do goberno municipal de Vilar de Santos e da veciñanza daquel concello de se opoñer ao derrubo de varias presas que tiña previsto acometer a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), “seguindo parámetros europeos (...) establecidos para outro tipo de presas que supoñen afeccións ambientais moito máis sobranceiras como os encoros hidroeléctricos”, sosteñen os nacionalistas no texto da moción.


Varela considera que este ano moitos ríos como Arnoia “se non fora pola presencia das presas teríanse convertido en pouco máis que un paso fondo, con algo de humidade, tal como acontecía nas zonas del non represadas”. E insiste en que estas infraestruturas xogan “un importe papel principalmente polo seu carácter de reservorio de auga para épocas de estiaxe que cada vez semella serán máis prologadas”.


Durante este verán, a CHMS acometeu o desmantelamento de presas como a da Pinguela, no río Cabe en Monforte. En Xinzo de Limia tamén está previsto a eliminación da presa de Gudín no río Faramontaos.

Despois de varias reunións veciñais en Arnuíde, o goberno municipal de Vilar de Barrio acordou solicitar á CHMS que mantivese nove das presas susceptíbeis de seren eliminadas. Agora, o BNG pretende aumentar o nivel de protección destes elementos, e solicita a elaboración dun “catálogo das presas tradicionais existentes na provincia de Ourense”, e que a Deputación inste á Confederación Hidrográfica Miño-Sil “a respectar o patrimonio etnográfico galego e non desmantelar estas infraestruturas de valor cultural e patrimonial” e solicitar que dispoña “fondos para as labores de conservación que correspondan”.