NOTICIAS A LIMIA | "Carmita" cumpre 101 anos homenaxeada polos seus veciños de Arnuide
Na semana na que unha muller catalana se converteu na máis lonxeva do mundo, con 115 anos, en Arnuide festexaron á súa. Carmen Garrido, cumpriu este sábado 101 anos e por iso os seus familiares e veciños lle renderon unha homenaxe por acadar esta idade. "Carmita", como é coñecida con agarimo entre a veciñanza desta aldea de Vilar de Barrio, é un "exemplo de lonxevidade" e de vida no rural, destaca a veciña Mariluz Ruibal.
Máis de 100 anos dan para moito e "Carmita" armou a súa gran familia, pese a que xa leva bastantes anos viúva. A centenaria ten catro fillos, oito netos e 13 biznetos que se reuniron para compartir con ela tan importante día. E non foron os únicos, os veciños máis achegados a ela, con especial participación das mulleres da Escola Rural de Saúde da Limia, quixeron renderlle unha homenaxe nesta data tan sinalada. O Centro Social de Arnuide foi o lugar escollido para festexar coa homenaxeada.
Carmen Garrido ten catro fillos, oito netos e 13 biznetos que compartiron con ela o seu cumpleanos número 101
O alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, tamén estivo presente nesta festa que congregou a medio cento de persoas. O rexedor destacou a lonxevidade desta veciña e agasallou ós seus fillos. Aos catro entregoulle un cadro no que se recollen varias fotografías de fitos importantes que marcaron a vida de Carmen Garrido, ao longo de máis dun século de vida.
Pese a todo, os anos tamén pasan factura e "Carmita" sofre problemas de mobilidade e algunhas dificultades cognitivas, pero segue aquí para sumar máis anos. Os veciños de Arnuide sempre a recordan como unha persoa "moi doce e agradable", di Ruibal, que estivo presente para todos na aldea. Carmen é a máis veterana, pero de preto vén outra veciña de 98 que agarda unirse ao club de centenarias con ela.
O segredo de tan longa vida, para Ruibal, é "o rural". A alimentación saudable e a tranquilidade do entorno son algún dos aspectos que, para esta veciña de Anuide, poden estar detrás da lonxevidade de "Carmita", pero tamén de moitas outras persoas en toda a provincia que son centenarias e viven no rural. Ourense é unha das rexións do mundo coa maior taxa de maiores de 100 anos do mundo, polo que nas súas terras escóndese o segredo dunha lonxeva vida.