NOTICIAS A LIMIA | Vilar de Barrio asina o convenio para a reparación do Centro de Saúde
“O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde Gómez, veñen de asinar un convenio no que se establecen as bases para o financiamento de varias melloras no centro de saúde da localidade, entre as que destacar o pintado de interiores, reparación de portas e substitución de estores”, informa a Consellería de Sanidade nunha nota de prensa emitida este mércores.
O persoal e os pacientes do centro de saúde de Vilar de Barrio “contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable”, asegura a consellería, que subliña que o mesmo centro, “froito do investimento de 8 millóns de euros en equipamento derivado do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021”, recibiu un electrocardiógrafo por un importe de 4.000 euros.
A finais de marzo, o alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde (BNG), avanzou a proposta de convenio nunha xuntanza co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. O gasto previsto é de 8.900 euros. O Concello de Vilar de Barrio achegará a metade, segundo se informou tras aquela reunión. O pleno tivo que acordar unha modificación orzamentaria para facer fronte a eses 4.450 euros.
O edificio do Centro de Saúde é de titularidade municipal. A idea inicial era cambiar só as persianas; mais o goberno local viu a oportunidade de acometer unha pequena reforma. A intención final é que a Xunta se faga cargo do edificio e do seu mantemento.
Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 5 obras que están arestora en marcha, destaca a nota de prensa de hoxe da consellería.
En total, apunta a consellería, a Administración autonómica investiu nestes 12 anos “máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria”. En Ourense hai novos centros na Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, e executáronse reformas na Peroxa e Carballeda de Avia. Están en marcha reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia, di a Xunta.