jueves. 21.11.2024

Este fin de semana celebrarase a edición 45 da Festa da Pataca de Vilar de Barrio, un evento que naceu coa intención de pór de relevo a importancia que este produto ten para a economía do concello. Este ano únese ao festexo o becerro da serra de San Mamede, carne avalada polo selo de calidade da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, que será o protagonista do xantar popular do domingo. Pataca e becerro son os dous produtos estrelas do campo de Vilar de Barrio; unha na parte baixa do municipio, o outro na zona alta da serra.

A organización do evento corre a cargo da comisión formada por un grupo de veciñas e veciños que, de xeito voluntario, traballan para que toda a veciñanza goce da mellor Festa da Pataca. Con ela colaboran Sergio Cid, Lucía Fernández e José Antonio Estévez dende o Concello de Vilar de Barrio. E, nesta edición, hai moitas novidades que se sumarán ás tradicionais actividades: a primeira, a exaltación do becerro da Serra de San Mamede; a segunda, a celebración do Pataca Rock, que contará coa música ao vivo de The Teta's Van e Malenne na Praza do Toural o sábado a partir das 22:30h.

2024 45 Festa da Pataca de Vilar de Barrio, cartel Pataca Rock
The Teta's Van e Malenne actuarán no Pataca Rock

 

Ademais, haberá artesanía, stands de produtores de pataca, un showcooking que ofrecerá a degustación de seis pratos con diferentes formas de elaborar a pataca, xogos para a cativada e un concerto especial para ela, desfile de carros tradicionais, foliada e o xantar e a cea populares que congregan a todas as persoas arredor da mesa.

2023 Festa Pataca Vilar de Barrio, concurso patacas raras
Un dos conxuntos de patacas raras que se presentou a concurso o ano pasado na Festa da Pataca. 

 

Un sen fin de actividades para todas as idades que terán lugar o sábado 12 e o domingo 13. E non podemos esquecer os concursos. Serán catro, e todos eles con premios: pataca de máis peso -o récord está en 4'100kg.-, conxunto de patacas máis raras, cesta de produtos de outono e produto de outono singular. 

NOTICIAS A LIMIA | Vilar de Barrio une os produtos estrela do seu campo na 'Festa da...