NOTICIAS A LIMIA | Vilar de Barrio súmase á campaña de axuda ás refuxiadas ucraínas
O conflito armado en terras de Ucraína está suscitando distintos tipos de solidariedade. O mesmo día que o Goberno español anuncia que aos envíos de material humanitario engadirá envíos de "material militar ofensivo", o Concello de Vilar de Barrio decidiu sumarse á campaña promovida desde a Eurocidade Chaves-Verín (AECT) para a recollida de bens de primeira necesidade.
Nunha publicación no Facebook oficial do Concello de Vilar de Barrio pouco despois das dúas da tarde, o goberno local convida á veciñanza a facer achegas a través do "departamento de Servizos Sociais do Concello antes do 10 de marzo".
A campaña, iniciada o pasado luns e animada desde a Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA), da que fai parte a Eurocidade Chaves-Verín, consiste en xuntar material para o envío á poboación ucraína que vai chegando ao municipio termal polaco de Ladek-Zdroj, no suroeste do país, a uns 600 quilómetros da fronteira con Ucraína.
Foi o presidente de Ladek-Zdroj, Roman Kaczmarczyk, quen fixo un chamamento a través da EHTTA para promover a solidariedade internacional nunha carta na que pide axuda para mulleres, nenos e anciáns.
Vilar de Barrio pide sacos de durmir, toallas, mantas, edredóns, almofadas, produtos de hixiene infantil e feminina, papel hixiénico, e xoguetes e material escolar... antes do 10 de marzo.
"O Concello de Vilar de Barrio está recollendo material para enviar a cidade polaca de Ladek-Zdroj a través da [asociación] Eurocidade Chaves-Verín", informou o goberno de Manuel Conde (BNG) este mércores. No comunicado, o Concello de Vilar de Barrio pide sacos de durmir, toallas, mantas, edredóns, almofadas, produtos de hixiene infantil e feminina, papel hixiénico, e xoguetes e material escolar para as nenas e nenos, ademais de produtos de alimentación non perecedeiros.