Reclaman o pago dos trienios, a quilometraxe e a fin da imposición de vacacións

O PSdeG-PSOE esixe ao alcalde de Vilar de Barrio que respecte os dereitos laborais

Manuel Conde, alcalde de Vilar de Barrio.

O PSdeG-PSOE de Vilar de Barrio insta ao alcalde, Manuel Conde, a que cumpra co requirimento da inspección de traballo en relación ao persoal do servizo de axuda no fogar. Os e as socialistas afirman que o goberno municipal "debe respectar os dereitos das traballadoras e dos traballadores, abonarlles o que lles corresponde por lei e non imporlle o período de vacacións, como vén facendo durante este mandato".

Dende o grupo municipal socialista explican que as traballadoras e os traballadores da axuda no fogar formularon unha denuncia ante a inspección de traballo "motivada polo incumprimento reiterado dos seus dereitos laborais".

Tal e como explican dende o PSOE de Vilar de Barrio, as traballadoras e os traballadores esixían "o pago dos trienios por antigüidade, o pago da quilometraxe polo uso do vehículo particular para os desprazamentos a realizar o seu traballo aos diferentes domicilios, o abono dos pluses por traballar domingos e festivos e que non se lles impuxese un período de vacacións por parte da alcaldía".

O pasado 30 de decembro inspección de traballo requiriulle ao concello que nun prazo de 60 días "procedese a abonar os complementos de antigüidade, a pagar os desprazamentos do persoal do servizo de axuda no fogar aos seus domicilios e a creación dun cadrante de vacacións, no que non se impoña este período as traballadoras e traballadores", explican dende o PSdeG-PSOE de Vilar de Barrio.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Vilar de Barrio afirma que "levamos dende 2019 reclamando e defendendo que o concello asine un convenio para solucionar a problemática que viven as traballadoras e traballadores de axuda no fogar".

Tal e como apunta "ata o de agora e a pesar de presentar numerosas iniciativas e defender os dereitos laborais das traballadoras e dos traballadores, o alcalde non puxo solución algunha". Neste senso, o edil socialista confía que ante o requirimento da inspección de traballo "o alcalde cumpra dunha vez por todas e respecte os dereitos do persoal".

Os concelleiros socialistas tamén destacan que "estes dereitos que reclamamos para as traballadoras e os traballadores da axuda no fogar, facémolo extensible ao resto de traballadores municipais, que deben cobrar os seus trienios e que se lles recoñeza a súa antigüidade tal e como especifica a lei". Os edís socialistas afirman que "dende o PSOE de Vilar de Barrio seguiremos defendendo os dereitos dos traballadores, como levamos feito dende fai anos e apoiaremos e estaremos sempre a carón do persoal".

Dende o PSOE agardan que na mesa de negociación convocada para mañá "se chegue a un acordo definitivo e se poña solución a esta problemática". Os e as socialistas consideran que "o alcalde debe rematar coas escusas de mal pagador e abonar os trienios, a quilometraxe, as horas extras e non impor o período de vacacións" e recrimínanlle a súa actitude de "negarse a chamarlle convenio a esta negociación e de intentar recortar os dereitos das traballadoras".