O PSDEG-PSOE de Ourense celebra un encontro co colectivo de emigrantes retornados en Vilar de Barrio
O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da secretaría provincial de migracións, vén de celebrar unha reunión de traballo co colectivo de emigrantes retornados en Vilar de Barrio, na que participaron unhas 25 persoas procedentes de Alemaña, Francia ou Suíza.
Neste encontro celebrado no centro social de Porto, o secretario provincial de migracións da executiva do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín, que estivo acompañado por concelleiros e membros da agrupación socialista de Vilar de Barrio, informou aos asistentes da próxima subida das pensións alemás no mes de xullo nun 4,57%.
O responsable da área de migracións destacou tamén a subida do mínimo exento a declarar en España, fixado no ano 2023 en 15.000 euros e para o 2024 en 15.876 euros anuais, sendo para Alemaña de 10.908 euros para o ano fiscal 2023 e de 11.604 euros para o ano fiscal vixente, aínda que tal e como apuntou Gulín “aínda pode ser modificado á alza antes do verán polo goberno alemán, sempre con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2024”.
Os e as socialistas salientan que o encontro serviu para que moitos e moitas das asistentas expuxeran as súas dúbidas sobre o chamado imposto do 5 % sobre as pensións alemás que hai abonar á facenda xermana. Luís Gulín resaltou a importancia de “darse de alta na Axencia Tributaria alemá no momento de percibir unha pensión dese país”. A razón reside, segundo apunta, en que “corren distintos prazos de prescrición, xa que no caso de darse de alta, son 4 anos e en caso contrario son 7 os anos que se poden reclamar o fisco alemá”. Por tanto Alemaña pode reclamar nos 2024 impostos non pagos do período 2017-2023.
Unha das preguntas que mais interese suscitou é o tema da prestación da dependencia alemá para aqueles retornados que non reciben ningunha pensión española, sobre todo a posibilidade de darse de alta un coidador non profesional na seguridade social alemá, cunha cotización base de 2030 euros mensuais. “Este labor é compatible cun traballo a tempo parcial en España cun máximo de 20 horas semanais”, explicou Gulín.
Os retornados con pensións suízas informóuselles da implantación dunha pensión extra a partir do 1 de xaneiro de 2026, percibindo a partir desa data 13 mensualidades en lugar das 12 actuais. Luis Gulín advertiu que “aínda que soa moi ben esa paga extra desde Suíza, a efectos tributarios en España pode ser que non sexa tan beneficiosa”.
Estas sesións informativas continuarán nas próximas semanas ao longo da provincia o 20 de abril en Lobios, o 27 na Merca e o 11 de maio en Rairiz de Veiga.