ENTREVISTA | Antonio Míguez: "As nosas liñas de traballo teñen o obxectivo de fixar poboación"
Pouco máis de dúas semanas. Ese é o tempo que queda para que a veciñanza poida decidir o futuro dos seus concellos para os vindeiros catro anos. Antonio Míguez (Castelaus, Vilar de Santos, 1957), actual alcalde de Vilar de Santos e candidato do BNG na localidade, xa está preparado para estas últimas xornadas definitivas.
Míguez, que entrou como rexedor en marzo do 2022 tras substituír a Xan Jardón, muda de candidatura e cambia a de Xuntos por Vilar de Santos polo BNG. As siglas non serán as mesma, pero o obxectivo si, traballar por mellorar a vida da xente do concello.
Nestas eleccións representa a unhas siglas diferentes. Que motivou o cambio?
Nós sempre fomos nacionalistas, progresistas e de esquerdas, pero por certos motivos, saímos do Bloque. Ao final éramos unha formación moi semellante a eles e, nesta ocasión, vamos xuntos porque reunimos a xente nova. Mesturar a nosa experiencia e a súa xuventude, creo que poder ser o mellor para o concello. Este é o momento clave para xuntarnos porque as outras formacións galeguistas e de esquerdas estaban algo á deriva e o Bloque tamén foi sempre a nosa casa.
Que expectativas teñen de cara ao 28 de maio?
Estamos traballando en manter a nosa maioría absoluta, pero non queremos desprestixiar o traballo que están a facer os outros dous partidos que se presentan, porque non o fixemos nunca. O resultado verémolo o 28 pola noite, pero as nosas expectativas son boas. Levo máis de 20 anos no Concello e o que non vamos facer é prometer e prometer, que se fai moito na política, asegurando cousas ás que non poderemos chegar.
Non vamos prometer e prometer, asegurando cousas ás que non vamos poder chegar
Que propostas teñen para mellorar Vilar de Santos?
O prioritario é ampliar a residencia de maiores, porque é unha demanda veciñal. Tamén traballaremos por mellorar todos os servizos sociais, sen esquecer outras partes de atención á veciñanza. A cultura é outro aspecto importante para nós, queremos seguir impulsado o Museo da Limia e intentaremos amplialo, xa que mercamos unha casa anexa a el para facelo. Temos que buscar a financiación, pero queremos apostar pola cultura como sempre fixemos en Vilar de Santos. Non é por presumir, pero somos un Concello no que temos Punto Limpo, unha escola de 0 a 3 anos, a nosa propia recollida do lixo, ninguén estivo sen agua despois dun verán tan malo como o do ano pasado, dispoñemos dunha piscina municipal que queremos mellorar... Vivir en Vilar de Santos é bo.
Por outra banda, contamos cun parque empresarial dende hai varias décadas no que temos á empresa máis grande da Limia dando traballo a máis de 60 empregados. Queremos promocionalo para ver se chegamos a atraer a algunhas empresas e así fixar poboación. Outro tema que temos pendente é o da vivenda, xa que está moi mal. Hai que impulsar a rehabilitación de casas vellas porque é un pena que non sexan útiles.
Estas van ser as nosas liñas de traballo, co obxectivo de fixar poboación. Se ofreces servizos de primeira calidade, a xente pode quedar porque está cómoda.
Vostede leva pouco máis dun ano como alcalde. Que valoración fai deste periodo do seu mandato?
Eu valóroo positivamente. Aprendín de dous maestros especiales, como Antón Jardón e Xan Jardón, xente experimentada. Valoro todo ben porque os servizos están aí, as cousas foron saíndo, e vamos seguir nesa liña. O que nos pasa aquí é que a xente vota e esixe, algo que me parece estupendo. Ás veces non podemos chegar a todo o que queremos, especialmente nun concello coma o noso no que a financiación chega a contagotas, pero está ben que nos boten a bronca se teñen razón. Agora temos un equipo de xente nova moi bo, no que hai moitas ganas de traballar.
Liderando ao Partido Popular ten a unha funcionaria pública, a directora do PAI, Remedios Cid. Como é a súa relación con ela?
A relación que teño con ela é coma dunha traballadora do Concello máis. Estamos falando case a diario e mantemos un vínculo cordial. Ela tomou a decisión de presentarse, que foi sorprendente, pero está no seu dereito. Se algo aprendín dos anteriores alcaldes é a non faltarlle aos respecto a ninguén doutros partidos, nós seguiremos ao noso e o resto que sigan ao deles.