Candidata do PP ao Concello de Vilar de Santos

ENTREVISTA | Remedios Cid: "Apostaremos por políticas para que a xente veña ao rural, que pode medrar"

Remedios Cid, candidata do PP á alcaldía do Concello de Vilar de Santos.

Remedios Cid (Trandeiras, Xinzo, 1978) é unha das caras novas que haberá nas vindeiras eleccións municipais, que se celebrarán o 28 de maio. Cid preséntase como cabeza de lista polo Partido Popular no Concello de Vilar de Santos, onde ademais é a directora do Punto de Atención á Infancia da localidade. Licenciada en Maxisterio, especializada en Educación Infantil, botou anos fóra da Limia, de Ourense e de Galicia, traballando e formándose, ata que retornou.

Cid aspira a chegar á alcaldía de Vilar de Santos co obxectivo de mellorar infraestruturas no concello, pero tamén para poñer en marcha proxectos sociais que melloren a calidade de vida da veciñanza e que tamén axuden a fixar poboación. "Creo que o rural pode medrar", asegura. A escoita e a comunicación, serán os seus piares.

Esta é a súa primeira inclusión no mundo da política?

Non. Coa política estiven relacionada sempre. Só os anos que botei fóra de Galicia me mantiven máis á marxe e, cando retornei, púxenme en contacto de novo coa miña xente para entrar outra vez na política. Mentres non vivín en Galicia, non tiven ningún tipo de relación con este mundo.

Que a motivou a presentarse como candidata en Vilar de Santos?

O que me motivou a dar este paso foi o desexo de querer un cambio para o concello e facer novas propostas. Son unha persoa que lle gusta moito o social e o contacto coas persoas, a través da escoita, polo que isto é o que fixo que me plantexara dar agora este paso nas vindeiras eleccións municipais.

Que expectativas teñen de cara ao 28 de maio?

O meu equipo e eu atopámonos traballando a tope, dando todos os pasos que precisamos para poder chegar cos mellores datos a ese 28 de maio. Estamos facendo todo con moita ilusión e ganas, con proxectos que esperamos ter a oportunidade de levalos a cabo se logramos a confianza da veciñanza.

A través das redes socias pediron á veciñanza que lles envíen as súas propostas de mellora. Escoitar o que precisan, é unha parte importante do seu proxecto político?

Si. Para min é fundamental escoitar a todas as partes, porque isto permite aprender e por iso temos a disposición o correo ppvilardesantos.cidadania@gmail.com para que nos fagan chegar as súas ideas. Creo que é defecto meu profesional. Considero que se debe escoitar dende aos máis pequenos ata os máis maiores, a todos por igual. Sen escoitalos non podemos avanzar como a sociedade merece e este é o xeito de estar preto da cidadanía. Ao final, se ti co teu equipo tes as túas propostas, pero non escoitas á xente, van quedar fíos que non se van ver e cousas que non se van a resolver.

Sen escoitar á cidadanía, non podemos avanzar como a sociedade merece

Cales son as súas propostas principais?

A importancia da poñer ao día as infraestruturas e a parte social. No noso concello, no que hai unha parte da poboación moi envellecida, esta última parte é unha das cousas que hai que traballar. Para dar vida, temos que coidar e poder facer proxectos sociais para que tamén veña xente. No rural tamén temos que apostar polo empredemento, para que xente nova se instale aquí. Eu marcheime e volvín, moitas veces vaste porque non che queda outra, pero a túa terra é a túa terra. Se lles das a posibilidade de retornar, fano. Eu creo que o rural pode medrar.

Vostede é mestra de Infantil. Ten ideas de proxectos para poñer en marcha que impliquen á infancia e á conciliación?

Si, téñoas. Estiven fóra e fun parte de varias asociacións educativas e fixen varios proxectos, nos que tamén tratei a conciliación. Considero que á infancia hai que escoitala, porque son o futuro. Se elaboras propostas para a infancia, a xente vai apostar polo rural e aí a conciliación é un punto moi importante. Buscas como poder traballar e conciliar, algo que é fundamental neste tempo e que non sempre se consegue.

Como vai compaxinar a súa posición política co labor que desempeña no PAI de Vilar de Santos?

Cando tes ilusión e ganas, creo que se pode lograr compaxinar todo. O que máis claro teño é que organización é clave para poder levar un Concello, polo que o tratarei de facer chegado o caso.

Sendo vostede unha funcionaria pública, como é a súa relación co actual alcalde, Antonio Míguez, agora que se presenta como candidata á alcaldía?

Temos unha relación profesional moi boa e sabemos diferenciar cando estamos traballando no ámbito laboral e no político, así llo digo sempre a todo o mundo. Na política aínda non tivemos a oportunidade de desenvolvernos, pero creo que falando, a xente enténdese. A comunicación é moi necesaria e non creo que vaia haber problema.

Campaña do PP de Vilar de Santos para que a cidadanía aporte as súas ideas.