Preside a Sociedade Galega de Historia Natural

ENTREVISTA | Serafín González: "As zonas húmidas que restauramos contribúen a mellorar a calidade das augas na Limia"

Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural.

O Museo da Limia entregou esta fin de semana o premio Pedra Alta á Sección Antela da Sociedade Galega de Historia Natural polo seu traballo, ao longo dos últimos 11 anos, por preservar o medio na comarca da Limia. Este recoñemento quixo puxo en valor o seu esforzo "pola recuperación da fauna e a flora limiá e o desenvolvemento de modelos
que fagan compatible unha Limia viva
"
.

Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, foi o encargado de recoller o premio en Vilar de Santos, onde destacou a recuperación das zonas húmidas de Antonio Villarino e da Veiga de Gomareite logradas pola Sección Antela.

Entrega do premio Pedra Alta.

 

Que supón para a Sección Antela da Sociedade Galega de Historia Natural a concesión do premio Pedra Alta?

Non podería haber un premio para nós máis querido e significativo. Un recoñecemento por parte dunha entidade limiá senlleira como é o Museo da Limia, era o mellor que nos podía acontecer. Este é o primeiro premio que recibe a Sección Antela e, que veña da propia Limia, convérteo en todo o que podiamos desexar.

As zonas húmidas de Antonio Villarino e o da Veiga de Gomareite, son o exemplo de que é posible recuperar a biodiversidade perdida e compatibilizalo coa actividade económica?

O que representan é que, se se quere, é posible. Son actuacións de restauración de zonas húmidas en espazos marxinais da Limia que non perxudican en absoluto á actividade produtiva. Ademais, axudan e demostran que esa restauración ambiental é imprescindible que se faga tendo en conta o aproveitamento gandeiro en extensivo. Todo isto é bo para a produción de alimentos na Limia, para a fixación da poboación no rural e, por último, vital para conservar algunhas especies de flora e fauna que están moi ameazadas. Estas dependen do aproveitamento gandeiro extensivo e sustentable destas zonas, que son espazos húmidos temporais que se converten en pastos unha parte do ano.

Estes modelos de recuperación, poden axudar coa redución da contaminación das augas na comarca?

As zonas húmidas que nós estamos a restaurar, actúan na súa escala para axudar coa depuración das augas na Limia e melloran a súa calidade. Estes espazos non só colaboran na produción de alimentos, na fixación de poboación ou na protección da biodiversidade, tamén ofrecen a esas zonas de augas pouco profundas, con alta actividade biolóxica, unha maior posibilidade de depuración segundo se van infiltrando cara o acuífero. En xeral, son unhas actuacións moi beneficiosas para o recurso da auga.

Precísase máis apoio das administracións públicas para levar a cabo este tipo de proxectos?

Estaría moi ben que a administración publica axudara, de feito, en moitas ocasións son imprescindibles, pero noutros casos case é mellor que non dificulten o noso traballo. Nós sós, cos nosos recursos económicos e o traballo inmenso e valioso dos voluntarios, non podemos resolver todo o problema. Falta esa iniciativa por parte do Estado, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e da Xunta para resolver o problema da calidade da auga e do deterioro dos ecosistemas na Limia. Nese senso, sería necesario que interviñesen e escoitasen aos que temos 11 anos de experiencia na Sección Antela, facendo as cousas como hai que facelas. Nós conseguimos moito con poucos cartos, cunha relación custe beneficio extremadamente favorable.

Que metas de futuro ten a Sección Antela?

Temos pendente rematar en Gomareite, está moi adiantado en máis do 80%, pero aínda queda un pouquiño para completalo. Logo, o que queremos, e estamos abertos á colaboración con outras comunidades veciñais, é facer o mesmo noutras veigas. Hai máis superficie na que se pode actuar en Trasmiras, Sarreaus, Porqueira e Rairiz de Veiga. O que se fixo en Gomeraite é o exemplo que demostra unha convivencia posible, que tamén é necesaria. Estamos moi abertos a replicar este exitoso modelo. Ademais, temos un proxecto á espera de financiación para recuperar unha parte dun par de antigos meandros do río Faramontaos.