NOTICIAS A LIMIA | O libro "Antela. A memoria asolagada" cumpre 25 anos cunha mostra fotográfica
Este mes de decembro, o libro "Antela. A memoria asolagada", de Xosé Luis Martínez Carneiro, cumpre 25 anos da publicación da súa primeira edición. Para festexalo, o Museo da Limia conta cunha mostra fotográfica das imaxes recollidas no libro.
A mostra estará dispoñible ata o 8 de xaneiro de 2023 e inaugurouse con motivo da entrega do Premio Pedra Alta a finais de novembro. "Antela. A memoria asolagada" serviu para sensibilizar aos limiaos sobre o medioambiente e para visibilizar os cambios significativos que experimentou a comarca, como a desecación da lagoa e a concentración parcelaria.
A través dun percorrido fotográfico, o libro e a mostra do Museo da Limia amosan as diferentes fases que atravesou a lagoa de Antela dende a súa desecación ata os actuais traballos de concentración parcelaria, pero tamén recolle estudos científicos que dan a coñecer a interrelación do ser humano coa veiga antelá ao longo dos séculos.
O horario de visitas ao Museo da Limia durante o inverno é sábados e domingos de 11:30 a 13:30 horas nas mañás, e de 16:00 a 18:00 horas nas tardes.