NOTICIAS A LIMIA | A Arca da Noe forma parte da Rede Galega de Música ao Vivo
A Arca da Noe, taberna cultural de Vilar de Santos, xunto con outras 10 salas de toda Galicia, forma parte da Rede Galega de Música ao Vivo. Esta iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades financia con case 115.000 euros os concertos que se levarán a cabo nelas ata finais de setembro, asumindo o 100% dos custos de produción e da contratación de 63 grupos galegos.
A nova xira da Rede Galega de Música ao Vivo, que xa comezou o pasado 11 de xaneiro, desenvólvese nas catro provincias e á Arca da Noe acompáñana A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro), Sala La Room (Ferrol), Pub Gatos (Melide), Guión Clube (Pontedeume), Borriquita de Belém e Casa das Crechas (Santiago de Compostela), o Club Clavicémbalo (Lugo), o Cafe Cultural Auriense (Ourense), a Sala Krazzy Kray (Cambados) e La Fábrica de Chocolate Club (Vigo).
Este investimento faise a través de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas. O obxectivo é contribuír á recuperación económica destes espazos, afectados polas medidas sanitarias da pandemia, así como garantir a estabilidade na programación da música en directo en Galicia a maiores dos eventos de gran formato, como parte dunha oferta cultural variada e descentralizada que busca a proximidade co público.
Os 63 nomes que figuran no cartel 100% galego desta nova temporada do circuíto reúnen a gran variedade de músicos de diversos estilos como o folk, canción de autor, electrónica, pop, rock, blues, jazz ou rap, entre outros, da man de formacións como Ailá, Cuarta Xusta, Elephants Yard , Faltriqueira, Igloo, Ju Young & Martín Otero, Maryland, Moura, Nastasia Zücher, Sanny, Sinestesia ou The Rapants.
Consulta a programación completa na web de Cultura de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais.