NOTICIAS A LIMIA | O Museo da Limia entregará o premio Pedra Alta o 26 de novembro
O Museo da Limia entregará o sábado 26 de novembro o premio Pedra Alta á Sección Antela da Sociedade Galega de Historia Natural. O acto, que terá lugar no Salón Multiusos do Concello de Vilar de Santos ás 12:00 horas, recoñecerá o labor desta organización pola defensa do medio.
Delfín Caseiro, presidente do Padroado do Museo da Limia; e Antón Jardón, o coordinador, manifestaron esta mañá que o premio pon en valor o traballo da Sección Antela ao longo de 11 anos. "Queremos recoñecer o seu constante activismo pola recuperación do noso medio e unímonos a ese berro pola necesidade de coidalo", expresou Jardón.
Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, será o encargado de recoller o premio Pedra Alta, peza elaborada polo escultor limiao Xosé Lois Carreira. O acompañamento musical correrá a cargo do pianista Luis Humberto Cao e do tenor Baldomero Pavón, mentres que os nenos do colexio de Rairiz de Veiga recitarán o poema "A Limia", de Antón Tovar.
Caseiro sinalou a importancia de tomar conciencia sobre o cambio climático e nesta liña se elixiu ó premiado desta quinta edición. "Estamos a vivir unha onda a nivel planetaria de alarma, de situación critica á que nos aproximamos ou á que nos vamos achegando, polo que non podemos manternos alleos ao risco do cambio climático", afirmou.
Sobre a Sociedade Galega de Historia Natural e o seu desempeño na Limia, destacou os estudos de observación de todo tipo de animais e de hábitats, pero tamén a iniciativa de recuperación de espazos xeográficos afectados pola actividade humana. "Traballan espazos que dalgunha maneira foron degradados, nos que introducir explotacións agrogandeiras respetuosas co medio", engadiu.
A entrega do premio Pedra Alta vén acompañado da inauguración dunha exposición fotográfica que reúne imaxes do libro "Antela. A memoria asolagada", que cumprirá 25 anos da publicación da súa primeira edición en decembro. Ademais, o acto completarase cun gran xantar con menú de cocido limiao ao que se pode anotar antes do 23 de novembro e polo que se deberán pagar 30 euros por persoa na conta ES37 2080 5303 0430 4001 3789, con nome e apelidos anotados no concepto.